Encontro de Embarcacións Tradicionais | Concello de Poio

This is a repeating event

Festa do Mar de Poio 2026

sáb22agoConsultarFesta do Mar de Poio 2026Do 20 ao 23 de agosto de 2026(Consultar: sábado) Praza da Chousa, Combarro - Poio

Detalles do Evento

Do 20 ao 23 de agosto, Combarro volverá ser o epicentro da cultura mariñeira cunha nova edición da Festa do Mar, unha cita xa consolidada como referente da identidade mariñeira de Poio.

A programación estrutúrase en tres bloques na Praza da Chousa: o gastronómico, a carpa museo e as embarcacións tradicionais.

Con respecto ao gastronómico, inclúese a degustación de produtos do mar durante as sesións vermús con música en directo o venres, sábado e domingo (13.30 horas), cos concertos de La Mosca Valiente, 7 Motivos e Los Támega, respectivamente.

Na carpa museo, que estará aberta todos os días desde as 12.00 horas, poderanse visitar exposicións sobre a cultura mariñeira, entre as que se inclúen maquetas de barcos e outras pezas cedidas por veciños, fotografías antigas seleccionadas polo Ateneo Corredoira de Combarro, pezas do Museo do Mar de Vigo e do centro de formación A Eixola ou a exposición fotográfica sobre embarcacións tradicionais de Culturmar.

E o terceiro eixo da programación son as embarcacións tradicionais, que esta edición celebran a 30 edición da Xuntanza con encontro e regatas entre o venres e domingo en colaboración co Club Mariño A Reiboa, para a que se estima que participen máis de trinta embarcacións.

A música tamén supón unha parte importante para a programación da Festa do Mar con espectáculos e concertos gratuítos para todos os públicos.

O espectáculo infantil dos Bolechas abrirá a programación, o xoves ás 19.00 horas, na Praza da Chousa. De seguido, ás 21.30 horas, Antonio Barros e Lys Pardo ofrecerán o concerto ‘Xuntos pola Música’, nunha velada que rematará coa actuación da Orquestra América (23.00 horas).

O venres, Orfeón Pontis Veteris e Abóbriga porán a música na Mostra da Canción Mariñeira que comezará ás 20.00 horas. Pola noite será o concerto do artista Depol, ás 23.30 horas e con entrada de balde. Antes e despois, o DJ local Arrow animará a Praza da Chousa.

O sábado pola tarde, ás 19.00 horas, o Mago Paco espertará a ilusión e a maxia entre o público familiar. Xa pola noite, será quenda de Café Quijano, que ofrecerá un concerto gratuíto na Praza da Chousa. Como na xornada anterior, outro DJ, Matrek, será o encargado de poñer música antes e despois do concerto.

Por último, o domingo pola tarde, ás 18.30 horas, actuará a agrupación folclórica Vides Novas, seguido do Pasarrúas de Máis Cantos e a Mostra da Canción Mariñeira, con Maravalladas e Adelaida. Pola noite, e antes dos fogos de artificio, actuará a orquestra Panorama City (22.00 horas).

Hora

Consultar (Sábado)

Localización

Praza da Chousa, Combarro

Praza da Chousa, s/n 36994 Combarro

Está pasando!