Presentación da XXXIII Festa da Ostra de Noalla | Concello de Sanxenxo

Noalla prevé repartir 26.000 unidades de bivalvo na XXXIII Festa da Ostra

4 Agosto 2026

A cita gastronómica arrincará este venres ás 11:00 horas e manterá o prezo de 12 euros a ducia de ostras


A cita presentouse na Casa Forestal das Canteiras cunha degustación dos produtos que se poderán desfrutar, a partir do venres 8 e ata o domingo 9, baixo unha carpa que se instalará nas inmediacións do campo de fútbol de Noalla.

A Festa da Ostra de Noalla, organizada pola Asociación Comisión de Festas Virxe do Carme, prevé repartir 26.000 unidades de bivalvo mantendo os prezos populares doutras edicións e a 12 euros a ducia de ostras.

O presidente da comisión de festas, Roberto Garrido, que estivo acompañado dos concelleiros Nati Parada e Xoán Pérez, así como membros da organización, destacou a calidade do produto que se servirá na cita, así como o albariño Aquitania, elixido para a ocasión. “Queremos lembrar que esta festa faise para recadar fondos para a festa do Carme e agradecer a colaboración do Concello”, dixo.

A xornada de apertura estará amenizada polo grupo de gaitas Os do Barro e pola tarde Fanfarria Furruxa. O sábado ao mediodía a degustación contará con actuación de Os Cruceiros de Vilalonga. Pola tarde, o ritmo poñerao Furruxa Gaiteiros. E o domingo, o último día da festa, actuará ao mediodía o grupo de gaitas Os do Barro e, pola tarde, Fanfarria Furruxa pechará a programación.

“Queremos invitar, tanto a veciños como a visitantes, que veñan á festa a degustar a ostra, un produto cun sabor a mar inconfundible e que forma parte dá nosa identidade”, dixo Parada.

Está pasando!