'Música no ar'

sáb22abr(abr 22)00:00dom10set(set 10)23:59'Música no ar'Programa de música clásica en espazos patrimoniais da provincia00:00 - (setembro 10) 23:59 Deputación de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos, espazos protexidos cheos de maxia e historia… e a mellor música de cámara nunhas experiencias únicas!

Co fin de promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todas e todos, alén de poñer en valor espazos de memoria, arte e identidade, naceu ‘Música no ar’, unha iniciativa coa que a Deputación de Pontevedra achegou a música clásica a todo o territorio.

Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios desde o clásico ao contemporáneo deleitaron a público de todas as idades ao longo da nosa cartografía provincial. Catro edicións despois, ‘Música no ar’ seguirá a apoiar a renovación deste programa que tan bos momentos nos fixo sentir, e aposta por unha nova tempada onde a música instrumental, a voz e a danza volverán xerar sinerxías en perfecta simbiose co patrimonio.

Este 2023 aposta pola accesibilidade e inclusión para que todas e todos poidan gozar a experiencia da música clásica!

Que soe de novo a música no ar!

  • Castelo de Soutomaior, Castelo de Sobroso e Pazo de Quinteiro da Cruz: inscrición previa en participa.cultura@depo.es
  • O resto: entrada libre ata completar aforo

UNHA APOSTA POLA DEMOCRATIZACIÓN DA MÚSICA CLÁSICA

EXPERIENCIAS ÚNICAS

Ademais, este ano propoñemos como novidade a celebración de 2 ou 3 concertos que inclúen dispositivos tecnolóxicos que lles permitan ás persoas xordas ou con dificultades auditivas vivir a experiencia dun concerto de música clásica en directo. Tamén incluímos algunha proposta especial, que mestura música e danza, música e voz e… curiosamente, música e silencio, a un mesmo tempo, permitíndolle ao público experimentar a música desde todos os sentidos, e sentir o lugar dun xeito diferente.

MÚSICA ACCESIBLE E INCLUSIVA

E, na aposta por dar visibilidade a profesionais do noso territorio cuxo talento é recoñecido en moitos lugares máis alá da nosa fronteira, engadimos intérpretes, virtuosas e virtuosos da nosa terra, ensembles moi recoñecidos, e proxectos das grandes orquestras da provincia, e facemos fincapé no protagonismo das mulleres, nunha selección a prol da igualdade un ano máis.

A maiores do concerto de Soutomaior, que xa incorpora auriculares que poden graduar o volume (o que facilita a experiencia para as persoas con déficit de audición), propoñemos este ano como novidade incorporar en 2 ou 3 concertos do ciclo (escolleranse aqueles que poidan funcionar mellor polas súas característica acústicas) mochilas vibratorias para facer da música unha experiencia accesible, convidar a algunha asociación de persoas con discapacidade auditiva, e, con algúns exemplares en aluguer, contar cun técnico especialista que explique ao comezo, brevemente, en que consiste esta tecnoloxía.

MOCHILAS VIBRATORIAS (4 ou 5 unidades)

É un sistema de vibración dentro dunha mochila que se lle pon a unha persoa. A mochila vibrará coas frecuencias graves e subgraves do son que estean a recibir. O sistema inclúe un transmisor FM conectado ao audio que se queira transmitir para enviarlle o sinal a cada mochila sen necesidade de fíos. Estase probando en experiencias de teatro, música e cinema, como medio para facer accesible a cultura a persoas con discapacidade auditiva.

Hora

Abril 22 (Sábado) 00:00 - Setembro 10 (Domingo) 23:59

Localización

Deputación de Pontevedra

Pontevedra

Está pasando!