Tanxugueiras

dom28nov18:00TanxugueirasXira Contrapunto18:00 Pazo da Cultura - Pontevedra

Detalles do Evento

A Xira Contrapunto chega ao seu fin. O vindeiro 28 de novembro, a partir das 18.00 horas e no marco do Culturgal, o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá un concerto especial de Tanxugueiras: o peche da xira de presentación de Contrapunto, o seu segundo álbum, xusto dous anos depois do inicio da mesma.

Contrapunto naceu como convicción: as pandeireteiras querían explorar os límites da música tradicional. Presentouse como un segundo disco maduro, cheo de matices e renovador, no que Tanxugueiras fiou cinco relatos, cada un coa súa cara e coa súa cruz, nos que cantaron sobre o empoderamento da muller, a amizade, a deslealdade, a liberdade ou a traizón. Singles como Desposorio ou Perfidia, cuxo videoclip foi finalista dos Premios Mestre Mateo, deron boa conta da proposta do álbum, que situou ao trío no epicentro da renovación da escena trad.

O domingo 28 de novembro, un día antes de que se cumpran os dous anos do concerto de presentación de Contrapunto, temas como O querer, Irmandade, Albedrío ou Malquerenza soarán no auditorio de Pontevedra, mais desta vez as cantareiras estarán acompañadas, sobre o escenario, por grandes voces e instrumentistas da escena galega. Na cita tamén soarán algúns dos seus novo temas, como Midas ou Figa.

As entradas para o concerto especial de fin de xira saíron á venda o luns 18, a partir das 12.00 horas, a través da plataforma dixital Enterticket (15 euros máis gastos de xestión, ou 18 euros na billeteira do Pazo). Ata entón, o público poderá gozar da música de Tanxugueiras fundamentalmente fóra de Galicia, en escenarios como a a Fira Mediterrània de Manresa, o EXIB Música 2021 de Setúbal, o Womex de Porto ou a Fira Trovam de Castellón, entre outros; ainda que tamén visitarán Tui o 19 de novembro.

Está pasando!