'Verán Activo Soutomaior 2026'

mér01xulConsultardom30ago'Verán Activo Soutomaior 2026'programa municipal de lecer e tempo libre(Consultar)

Detalles do Evento

O ocio ocupa un papel fundamental nas nosas vidas e está directamente ligado ao benestar persoal, á autorrealización, á expresividade e ao encontro entre persoas. Con este obxectivo, o Concello de Soutomaior presenta o programa municipal de lecer e tempo libre ‘Verán Activo Soutomaior 2026’.

Trátase dunha ampla oferta de actividades dirixidas a todos os públicos, co obxectivo de promover estilos de vida saudables, potenciar as inquedanzas artísticas e reforzar habilidades útiles para a vida cotiá. O Concello anima á participación da veciñanza empadroada no municipio para compartir o tempo de lecer a través de propostas inclusivas, seguras e enriquecedoras.

O programa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto e inclúe actividades lúdicas, deportivas e de convivencia que favorecen a socialización, o contacto coa natureza e o desenvolvemento persoal nun ambiente educativo e divertido.

Está dirixido á mocidade, familias, persoas maiores de 60 anos e ao conxunto da cidadanía, garantindo propostas inclusivas e adaptadas con apoios específicos cando sexa necesario.

PRINCIPAIS LIÑAS DE ACTIVIDADE

Actividades deportivas para todas as idades: Inclúense propostas como deporte con rede, lecer deportivo, camiñatas, bailes deportivos, campus deportivo e actividades de aventura e no medio natural.

Actividades para maiores de 60 anos: Orientadas ao envellecemento activo e ao benestar integral, con actividades como petanca, bailes e camiñatas.

Actividades en familia: Propostas de lecer compartido como “Mércores en familia”, “Os venres, hai tema”, festas da escuma e inchables.

Campamentos de verán para a mocidade: Actividades temáticas que promoven a aprendizaxe, a socialización e a diversión, como o campamento de surf en Razo e o campamento de inmersión na natureza en Valverde (Cáceres).

Actividades inclusivas: Deseñadas para garantir a participación de todas as persoas, independentemente das súas capacidades, eliminando barreiras e promovendo a diversidade. Inclúese, entre outras, a proposta “Movemento inclusivo”.

En definitiva, trátase dun programa de lecer pensado para todas as persoas, que dinamiza os espazos municipais e promove xogos en equipo, dinámicas sociais, deporte e aventura, hábitos saudables, contacto coa natureza e actividades en inglés, fomentando a creatividade, o benestar e a convivencia.

INSCRICIÓNS E INFORMACIÓN

As inscricións realizaranse a través da web municipal no apartado de preinscrición, nas datas indicadas. A apertura das inscricións será sempre ás 09:30 horas.

A maior parte das actividades abrirán inscrición o 8 de xuño, agás as de deporte de aventura, que se abrirán o 10 de xuño. As prazas son limitadas.

O Concello informa de que terán preferencia as persoas empadroadas en Soutomaior e que as idades deberán cumprirse no ano en curso. As actividades realizaranse sempre que se acade un mínimo de participantes.

Será necesario indicar na inscrición as posibles necesidades de adaptación ou apoio específico. As persoas maiores poderán solicitar axuda para a inscrición en liña no Concello ou no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos), só en caso necesario.

A comunicación de admisión publicarase na web municipal e, de forma complementaria, por teléfono, indicando o procedemento de entrega de documentación. Nos casos de actividades con custo, o pagamento realizarase unha vez confirmada a admisión. Recoméndase consultar previamente as posibles bonificacións.

Hora

Xullo 1 (Mércores) - Agosto 30 (Domingo)

Está pasando!