Escenario do Bigsound Pontevedra 2025 | PlayPlan

O Bigsound Festival Pontevedra ultima detalles para recibir a máis de 35.000 visitantes

9 Xullo 2026

A montaxe do evento adiantouse dous días para garantir a seguridade e o espazo interior redistribúese para mellorar a experiencia do público


Pontevedra prepárase para recibir unha nova edición do Bigsound Festival, que prevé superar os 35.000 asistentes rexistrados o ano pasado. A organización adiantou dous días o inicio dos traballos de montaxe no recinto co obxectivo de garantir a seguridade e a orde en todo o proceso. O evento consolídase como unha proposta única polo seu cartel e pola súa localización urbana, xa que se celebra de xeito íntegro no centro da cidade, facilitando que o público poida acceder a pé.

O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, subliñou que o festival supón un salto de calidade para a programación estival, ao tempo que ofrece actuacións únicas en Galicia. Gómez agradeceu de xeito especial a xenerosidade e comprensión da veciñanza pola montaxe próxima ás súas vivendas: “somos conscientes de que estas tarefas xeran certas incomodidades e agradecemos enormemente o esforzo e a xenerosidade de todas as veciñas e veciños para que Pontevedra poida gozar deste evento”. O concelleiro tamén engadiu que o desenvolvemento dun proxecto desta complexidade require unha intensa coordinación entre a produtora Play Plan, o Concello, outras administracións e as empresas implicadas.

Pola súa banda, o responsable de Play Plan e director do festival, Jordi Laurent, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento dos preparativos e destacou que a integración urbana é “un luxo ao alcance de moi pouquiños festivais en toda a Península”. Laurent avanzou que a afluencia superará lixeiramente a da edición anterior e que se prevé encher o recinto, acadando o límite de capacidade coa configuración actual. Como novidade organizativa, o proceso de acreditación comezará o propio xoves pola tarde para evitar aglomeracións e facilitar un acceso máis áxil e ordenado durante a xornada do venres.

O recinto contará este ano con dous escenarios: un deles denominado Xacobeo e o outro bautizado co nome de Pontevedra, un xesto elixido pola organización como homenaxe e agradecemento á acollida dispensada pola cidade. Co obxectivo de optimizar a comodidade do público e dos máis de mil operarios que traballan no evento, o festival implementou cambios no deseño do espazo. Estes axustes inclúen unha nova redistribución de barras de servizo, zonas de marcas e, especialmente, das zonas de baños para solucionar as dificultades de mobilidade que se produciron de xeito puntual o ano pasado. Así mesmo, ampliáronse de xeito significativo os camerinos e as zonas de descanso de todo o persoal técnico.

En materia de mobilidade, a organización ampliou as paradas e liñas de autobuses oficiais que conectan con outras cidades, co que se espera unha diminución no uso de vehículos privados. Finalmente, mañá celebrarase unha reunión de coordinación técnica en Pontevedra coa presenza de corpos e forzas de seguridade, bombeiros e protección civil co fin de repasar todos os plans de seguridade interna e externa do recinto, así como os plans de mobilidade.

Está pasando!