Presentación da X edición do Festivala | Concello de Vilagarcía de Arousa

Festivala celebra a súa décima edición consolidándose como un referente da reivindicación cultural feminista en Galicia

11 Maio 2026

  • A praza da II República acollerá o vindeiro 30 de maio, sábado, a décima edición de Festivala, un certame pioneiro en Galicia e en España para reivindicar o feminismo e que hai “mulleres creando”.
  • Con formato de gala, conducida pola creadora de contidos en redes sociais e colaboradora de Buenafuente Tamara GR, O Soño de Lilith armou un gran cartel.
  • Ses, As do xeito, Señora DJ, A Pedreira, Amelet Trotet e dúas bandas arxentinas porán música, danza e humor nun festival que dende o principio mantén o seu carácter gratuíto.
  • O alcalde, Alberto Varela, reafirmou o seu compromiso co evento, que forma parte de VGA365, e criticou que a Deputación teña retirado o seu apoio, como o facía a anterior presidenta, Carmela Silva.

Na presentación, Daisy Alcalde, presidenta de O Soño de Lilith, lembrou os inicios de Festivala, cando nos eventos musicais o oitenta por cento dos artistas que compoñían os carteis eran homes. Hoxe, dixo, as cousas comezaron a cambiar e por iso celebran ter contribuído a alzar a voz en defensa do feminismo e da labor creativa das mulleres.

Festivala 2026 arrancará ás 8 da tarde do sábado 30 de maio, pero antes haberá un aperitivo: a proxección, o mércores 20, no Salón García e en colaboración co Cine Club Ádega, da película “Altas luces”. Ao final, haberá un coloquio coas súas dúas directoras.

A gala do día 30 será conducida por Tamara GR, que irá dando paso ás distintas actuacións: Sés, A Pedreira, Miss Bolivia, Chocolate Remix, Amelet Trotet, Señora DJ e As do Xeito. Miss Bolivia e Chocolate Remix son dúas bandas arxentinas que demostran, segundo Daisy Alcalde, que tanto o reguetón como a hip-hop tamén poden ser feministas.

O alcalde, Alberto Varela, e a concelleira de Igualdade, Tania García, eloxiaron que Festivala teña cumprido xa dez anos e felicitaron ás súas organizadoras polo seu traballo altruísta pero tamén reivindicativo; uns obxectivos que o goberno local comparte plenamente e por iso este ano volveu incrementar o seu apoio ao festival, que igualmente incluíu na marca VGA365.

Como contrapunto, o rexedor chamou a atención sobre o feito de que sexa a Xunta quen tamén colabore co certame e, en cambio, non o faga a Deputación, que retirou a subvención que si concedía o goberno provincial cando o dirixía Carmela Silva. En opinión de Varela, esa decisión “é toda unha declaración de intencións”, recalcando que a defensa do feminismo e da igualdade entre homes e mulleres “é hoxe máis necesaria que nunca” á vista da proliferación de “haters” e acordos políticos, como os do PP e Vox, en contra dos avances das mulleres.

Está pasando!