Presentación da XXXIX Festa do Choco 2026 | Concello de Redondela

Gastronomía, música e tradición protagonizan os tres días da XXXIX Festa do Choco de Redondela

25 Abril 2026

  • A alcaldesa Digna Rivas anunciou hoxe unha programación que inclúe rutas marítimas, grandes concertos e o pregón do ex-presidente cántabro
  • Aos concertos do Grupo América e Combo Dominicano súmanse grupos locais como Tanto Nos Ten, Carballo das Cen Pólas ou a Rondalla
  • A carpa de degustación do Campo da Feira abrirá as súas portas o venres 8 de maio con 9 postos de degustación
  • Desde a Confraría de Redondela garanten “a extraordinaria calidade do choco esta temporada, con abundantes capturas”

O Concello de Redondela presentou a programación oficial da XXXIX Festa do Choco, declarada de Interese Turístico de Galicia. Participaron a alcaldesa, Digna Rivas; a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, representantes da Confraría de Pescadores e do sector hostaleiro. Todos coincidiron en destacar o “tesouro da nosa ría” como o motor económico e social da vila durante esta fin de semana de maio.

Rivas subliñou que esta edición 2026 “será histórica pola excelencia do produto da nosa Enseada, a atractiva programación e a calidade da oferta musical”. A patroa maior da Confraría, Nisi Otero, confirmou “a extraordinaria calidade do choco esta temporada, con abundantes capturas”. Os establecementos participantes nos postos de degustación da carpa prepararán uns 1.000 quilos de cefalópodo de Redondela en especialidades como choco na súa tinta, á feira, en empanada, á planca ou croquetas de choco.

Miguel Ángel Revilla, protagonista do sábado e domingo. Unha das novidades desta edición será a presenza de Miguel Ángel Revilla. O recoñecido político e comunicador ofrecerá unha charla no auditorio do Multiúsos da Xunqueira o sábado 9 ás 19:00 h, e será o encargado de dar o pregón oficial o domingo 10 ás 12:30 horas na carpa do Campo da Feira. Para o coloquio no auditorio poranse a disposición do público as entradas gratuítas o mesmo día no Multiúsos a partir das 16.00 horas (máximo 2 entradas por persoa).

Ampla programación coa mellor gastronomía, mar e música. A festa contará cun amplo abano de actividades que combinan o lecer coa posta en valor do patrimonio natural:

  • Rutas Marítimas: Durante os tres días realizaranse visitas en barco pola illa e a enseada de San Simón (6 euros), con saídas dende Cesantes e o Museo Meirande. Ademais, haberá rutas de marisqueo a pé polo porto o venres e sábado pola tarde (6 euros).
  • Apertura da Carpa de Degustación: O venres 8 ás 19:30 h terá lugar a inauguración oficial no Campo da Feira, cun horario continuo ata o peche. Participan os restaurantes Casa Chano, Lugar da Serra, Quinta das Eiras, O Tranquilo, panaderías Vila dos Viaductos e Cruceiro, PaladarQueso, Vilalongo e Embutidos Rodríguez Amoedo. Tamén haberá oco para a artesanía con Artesanía Lelate.
  • Grandes Concertos e Verbenas:
    • Venres 8: Orquestra de Saxos (20:00 h), Grupo América de Vigo (22:30 h) e DJ JJ Compota.
    • Sábado 9: Grupo de gaitas Airiños de San Simón, Tanto nos Ten (20:45 h), gran verbena coa Orquestra Combo Dominicano (23:00 h) e DJ Airan.
    • Domingo 10: Pasarrúas coa Banda de Música de Chapela, pandeireteiras Froles Mareliñas, O Carballo das Cen Pólas, a Rondalla de Redondela (17:30 h) e concerto de peche con Pa Ti Na Má (19:45 h).

A concelleira Rita Pérez convidou a veciños e visitantes a reservar as súas entradas para as rutas marítimas na Oficina de Turismo (986 401 713) e en barcosdegalicia.com.

Á presentación asistiron tamén membros da goberno local, dous dos fundadores da festa como son Manuel Conde e José Manuel Durán, e representantes da Asociación de Empresarios.

Está pasando!