Guadi Galego presenta ‘Síntese Horizonte’ o seu novo directo, con tres concertos exclusivos nos que se acompañará dunha portentosa banda

1 Decembro 2023

  • A cantante e compositora regresa aos escenarios galegos tras máis dun ano de ausencia cun espectáculo que presentará o 26 de xaneiro en Santiago de Compostela, o 27 de xaneiro en Ferrol e o 13 de abril en Pontevedra
  • As entradas para o directo Síntese Horizonte no Teatro Principal de Santiago e as do Teatro Principal de Pontevedra xa están á venda, mentres que as do Jofre estarán dispoñibles nos vindeiros días

Guadi Galego regresa aos escenarios galegos co seu novo espectáculo, ‘Síntese Horizonte’, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros de Galicia. Serán tres concertos exclusivos nos que a cantante e compositora, acompañada dunha portentosa banda, ofrecerá en tres datas: o 26 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o 27 de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol e o 13 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do ciclo ‘Resoan’. As entradas para a actuación de Guadi Galego en Santiago están á venda en www.compostelacultura.gal, as de Pontevedra poderanse adquirir en www.ataquilla.com e as de Ferrol estarán dispoñibles proximamente.



Logo da ‘Roibén’ (2022) e dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se o pasado mes de setembro presentaba ‘O.D.A’, toda unha declaración de intencións sobre o concepto da madurez e a aceptación da vida, de cara ao inicio do 2024 regresa con ‘Síntese Horizonte’, unha aposta da propia Guadi Galego pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.

En ‘Síntese Horizonte’, Guadi Galego reivindica a firme crenza do poder transformador da música ao vivo. Por iso, para estes tres primeiros exclusivos directos, a artista acompañarase dunha portentosa banda conformada por grandes artistas do país, reunida especialmente para a ocasión. É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e dun coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez.

A produción de ‘Síntese Horizonte’ destaca, tamén, tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolven, desde hai meses, con Guadi Galego baixo a premisa de ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora.


GUADI GALEGO

É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s.

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con ‘Benzón’. Logo chegarían os exitosos ‘Lúas de Outubro e Agosto’ (con éxitos indiscutibles como ‘Chea de vida’ ou ‘Matriarcas’), ‘O mundo está parado’, ‘Inmersión’, ‘Costuras’ ou o máis recente ‘Roibén’, LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular.

Este outono lanza o sinxelo ‘O.D.A’, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, pois ‘O.D.A’ non é só un punto de chegada: marca o inicio dunha nova etapa na carreira da artista.


DATAS SÍNTESE HORIZONTE

26 de xaneiro – Teatro Principal de Santiago de Compostela – Entradas en www.compostelacultura.gal

27 de xaneiro – Teatro Jofre de Ferrol – Entradas á venda proximamente en www.ataquilla.com

13 de abril – Teatro Principal de Pontevedra. Ciclo ‘Resoan’ – Entradas á venda en www.ataquilla.com

Está pasando!