Presentación da nova edición de ‘Maio, Mes da Lingua’ | Concello de Pontevedra

‘Maio, mes da lingua’ chega con máis de 20 propostas culturais que converterán a cidade e as parroquias de Pontevedra nun espazo de celebración, encontro e reivindicación da lingua galega

13 Maio 2026

  • A semana grande contará co ‘Concerto a 3 bandas’ do CMUS Manuel Quiroga o xoves 14 ás 19.30h na Ferraría e ‘Bolboretroula’ da ANPA do CEIP Cabanas e a ‘Festa da Lingua’ da Asociación A Pedreira, ambas abertas ao público en xeral o día 16 de maio.
  • O Concello non programou actividade o propio día 17 para facilitar a asistencia á convocatoria de Queremos Galego! en Santiago de Compostela.
  • Entre a ampla programación terán lugar o Correlingua o 21 de maio, a representación ‘Vertixe’ de Teatro con Lingua, a gala ‘Ben Veñas, Maio’ o sábado 30 no Pazo da Cultura ou as entregas dos premios de relato curto da FAMPA o 4 de xuño e os Mil Primaveras o 13.
  • Cativada e familias poderán gozar tamén de diversas actividades dentro do programa Apego.

O edil de Normalización Lingüística Demetrio Gómez presentou unha nova edición de ‘Maio, Mes da Lingua’, un variado programa de actividades que converterá a cidade e as parroquias nun espazo de celebración, encontro e reivindicación da lingua galega ao longo dos meses de maio e xuño. O concelleiro destacou a “natureza participativa e colaborativa deste proxecto que están implicadas unha unha vintena de entidades locais, das que hoxe temos aquí unha pequena representación (CMUS Manuel Quiroga, a ANPA Bolboreta do CEIP Cabanas de Salcedo e a Asociación a Pedreira). Todas elas colaboran con nós, colaboramos entre todos para programar a vindeira fin de semana”.

Antes de ceder a palabra ás entidades asistentes, Gómez apuntou que “este ano pensamos que era importante facer un esforzo para dirixirnos tanto á mocidade como á cativada, porque é onderealmente temos que conseguir a transmisión da lingua, é onde temos auténticos problemas. É importantísimo que o goberno galego faga un esforzo, que non está facendo porque os resultados son os que son, para que a lingua galega se transmita entre os nenos e nenas e na mocidade. Por iso o programa que hoxe presentamos inclúe actividades como a que fixemos onte ‘Aquí canta a rapazada’ con máis de 600 nenos e nenas cantando cancións populares nas nosas prazas ou ‘O sofá violeta’: un encontro arredor de Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño levado a cabo no IES Sánchez Cantón”.

A programación, que reafirma o compromiso do Concello coa promoción e dinamización da lingua galega, chega ata xuño e inclúe máis de vinte propostas culturais, educativas e de lecer dirixidas a públicos de todas as idades, cunha especial atención á infancia e ás familias a través do programa Apego con contacontos, espectáculos, mitoloxía galega, concertos, foliada, teatro, ioga en familia, xogos tradicionais, obradoiros e actividades musicais ás que as familias con cativada de 0 a 6 anos poden acceder a través de apuntate.pontevedra.gal

Tamén terán lugar entre moitas outras iniciativas o Correlingua o xoves 21 de maio, a representación ‘Vertixe’ de Teatro con Lingua o 24 de maio ás 20.00h na Casa Verde de Salcedo, a gala ‘Ben Veñas, Maio’ o sábado 30 ás 18.00h no salón de actos do Pazo da Cultura ou as entregas dos premios de relato curto da FAMPA o 4 de xuño e os Mil Primaveras o 13, ambas tamén no Pazo.

Jose Pérez, vicedirector do CMUS Manuel Quiroga, responsable do ‘Concerto a 3 bandas’ deste xoves 14 ás 19.30h na Ferraría, apuntou o obxectivo de “achegar a música de bandas, que teña que ver sempre con compositores galegos e que relacione os textos con música. Na terceira edición deste proxecto que xurdiu falando con Demetrio, xuntaremos as bandas do centro cunha banda convidada que será este ano a banda de Tenorio. Faremos un programa variado que tocará repertorio coral acompañado de banda, ata obras de autores vivos e un peche colofón das tres bandas xuntas interpretando música de Soutullo baixo a batuta do director convidado. Contaremos cun volume de alumnado de 200 persoas tocando xuntas máis un coro de 50. Queremos agradecer a inquedanza de Demetrio que apostou por este proxecto hai tempo e permiteachegar a música de bandas, e facelo desde o centro do pobo”.

Ramón González Varela, presidente da ANPA Bolboreta do CEIP Cabanas, organizadora do ‘Bolboretroula’ que terá lugar o sábado 16 a partir das 11 da mañá no Parque de Cabanas, apuntou a colaboración do Concello para que “este iniciativa, que xa fixemos de xeito máis humilde o ano pasado e destinada en orixe a familias da ANPA, sexa agora unha xornada de convivencia e lecer para todas as familias que queiran vir. Contaremos con Cé Orquestra Pantasma e o seu xogueteiro, o grupo Cantanascroas para facer uns Cantos de Taberna Miúda, un contacontos de Celso Fernández Sanmartín, un obradoiro de baile tradicional da man de Erica Iglesias, o espectáculo ‘Brincadeiras da lingua’ de Migallas Teatro e o peche da man de Refugallo Rock. Aproveitaremos tamén para facer unha homenaxe a Begoña Caamaño polo Día das Letras a través de diferentes actividades. Os nenos do cole fixeron traballos , debuxos, códigos QR para escoitar historias de Begoña. Vai estar moi chulo”.

Por último desde a Asociación A Pedreira, Roi e Ana Vidal debullaron o programa da súa ‘Festa da Lingua’ deste sábado 16 destacando que “o sentido deste centro social é o traballo arredor da lingua, especialmente coas crianzas a través de ‘A eira do xogo’, un grupo de crianza en galego co que traballamos semanalmente. Nesta Festa de Lingua, a festa máis importante do ano, traeremos un concerto de música en galego para público infantil da man de Brais das Hortas e Peter Punk e actividades típicas xogos infantís con Sororas, unha ruada con Foula, as Pandereteiras de Quireza, unha manifestación con saída ás 18.30 da Peregrina con solta de libros pola cidade e para rematar unha foliada con concerto de Polavila”.

Está pasando!