Máis de 25 bandas e artistas chegadas de Europa, América e Asia forman parte do cartel secreto da nova edición de Sinsal SON Estrella Galicia, que comeza este venres 22

21 Xullo 2022

  • O evento, que se celebrará na illa de San Simón os días 22, 23 e 24 de xullo, destaca pola ampla presenza de artistas femininas e pola diversidade estilística musical: jazz, cumbia, electrónica, world music, clásica, flamenco ou pop soarán durante o festival
  • O publico asistente poderá gozar de actividades paralelas durante a súa estancia na illa: pedal surf, paseos guiados, obradoiros familiares de reciclaxe, exposicións ou charlas son algunhas das propostas que se poden coñecer en http://festival.sins.al/

O festival Sinsal SON Estrella Galicia inicia mañá venres, 22 de xullo, unha nova andaina. A illa de San Simón acollerá a vixésima edición dun dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal e que destaca por manter en secreto o seu cartel ata que o público desembarca na illa redondelá. As entradas de día e os abonos levan semanas esgotados.

Sinsal SON Estrella Galicia 2022 contará coa illa de San Simón como prato forte dun cartel secreto conformado por máis de 25 bandas e artistas chegadas de distintos puntos da Península Ibérica, Europa, América (tanto no Norte coma do Sur) ou Asia que actuarán nos escenarios Buxos Xacobeo 21-22 e San Simón SON Estrella Galicia. Sobre as súas táboas darase unha ampla diversidade estilística, que abrangue desde a world music até a electrónica, pasando polo jazz, o flamenco, a música clásica, o pop ou a cumbia.

Moitas destas bandas, chegadas de territorios como Altos do Golán, Corea ou Brasil actuarán por vez primeira en España no marco do Sinsal. Outras moitas, procedentes de Colombia, Francia, República Dominicana, Estados Unidos ou Inglaterra, mais tamén de cidades como Madrid, terán en San Simón a súa primeira cita co público galego. Porén, as e os artistas emerxentes de Galicia, como é habitual no festival -e unha das premisas das que parte a súa programación-, tamén contarán cunha importante representación nos dous escenarios da illa: un total nove bandas galegas forman parte do cartel secreto de Sinsal SON Estrella Galicia 2022.

A todas elas sumarase, ademais, unha actuación sorpresa para as viaxeiras dun dos barcos, que contarán cun concerto extra durante a súa viaxe cara á illa. Esta actuación será dunha das artistas galegas emerxentes que forman parte do programa provincial ‘Descúbreas’ da Deputación de Pontevedra. Precisamente o liderado feminino segue a ser, como todos estes últimos anos, un dos sinais de identidade de Sinsal SON Estrella Galicia. Nesta ocasión, o público poderá gozar da música de artistas solistas e bandas femininas que destacan especialmente no seu ámbito.

A primeira parada fíxoa esta mañá unha delegación de representantes das empresas e institucións patrocinadoras do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, formada polo director da Agadic, Jacobo Sutil, a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, a deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias, e o marketing manager de Estrella Galicia, Ramón de Meer.

O grupo fixo unha visita pola illa acompañado dos directores do festival Julio Gómez e Luis Campos, quen tamén lles guiaron polas dúas exposicións que se poderán ver na cafetería durante os próximos tres días.


Visita da delegación de representantes das empresas e institucións patrocinadoras do Sinsal | © Festival Sinsal

Actividades paralelas

En paralelo á programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia contará cun feixe de actividades para o público asistente: microconcertos en acústico de agrupacións galegas de música clásica en Santo Antón, obradoiros familiares de reciclaxe con madeira e refugallos, paseos por San Simón con artistas e mariscadoras ou mesmo pedal surf, unha actividade acúatica 100% sostible que permitirá gozar do festival á vez que se percorre o perímetro da illa sobre unha táboa estable e segura.

Ademais, as e os asistentes poderán visitar na cafetaría da illa dúas exposicións, nomeadas ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’, un percorrido pola historia do rexistro sonoro, e ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, unha aproximación á historia da tecnoloxía musical e como a electricidade mudou o xeito de compoñer e interpretar. Esta última exhibición, ademais, celebrará encontros arredor da música electrónica con dous artistas: Mateo Mena e Paulo Pascual.

Xa de cara ao día 25 de xullo, Sinsal SON Estrella Galicia programa en Vigo, concretamente nos estaleiros Cardama Shipyard, un concerto extra como peche deste vixésimo aniversario.  Trátase dunha cita simbólica pola recuperación deste espazo, no que se celebraron concertos na edición Sinsal Litoral 2020, e pola posta en valor do patrimonio industrial vigues, un sector clave para a economía viguesa. Para esta cita nos estaleiros, que comezará ás 21.00 horas, as entradas están esgotadas. Sobre o escenario Xacobeo 21-22 Cardama Shipyard, en Vigo, actuará unha banda de Dinamarca que non está no cartel da illa de San Simón.


Visita da delegación de representantes das empresas e institucións patrocinadoras do Sinsal | © Festival Sinsal

SINSAL SON ESTRELLA GALICIA

Sinsal SON Estrella Galicia celebra no 2022 o vixésimo aniversario da súa actividade musical. Desde os seus inicios, a promotora viguesa Sinsalaudio impulsou un evento cultural para visualizar as artistas emerxentes e próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén con espazo para bandas do ámbito internacional; artistas que, máis adiante, formaron parte de carteis de grandes festivais e de salas de todo o mundo.

Sinsal 2022 conta co patrocinio principal de SON Estrella Galicia e o patrocinio institucional a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, Xunta de Galicia a través do programa FEST Galicia, Acción Cultural Española a través do programa PICE, o Centro Cultural Coreano e Tempi (Dinamarca). Tamén colaboran Chef Maestro, Platu, Cosferla, Gadis, Mekkdes, Manzanas Marlene, Leyma e Cafés do Noso.

AXENDA VENRES 22 DE XULLO | SINSAL SON ESTRELLA GALICIA 2022

  • 14.45h – Saída barco de Vigo (saída de San Simón ás 22.30h)
  • 16.00h – Concerto 1
  • 16.15h – Saída barco de Meirande (saída de San Simón ás 21.45h)
  • 17.00h – Concerto 2
  • 18.10h – Concerto 3
  • 19.20h – Concerto 4
  • 20.30h – Concerto 5
  • 21.30h – DJ Set

Actividades paralelas

  • 15.30 a 22.00h – Exposicións ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’ e ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’
  • 18.30h – Visita guiada exposición ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’
  • 19.00, 20.00, 20.45, 21.30h – Pedal surf
Está pasando!