Marín lanza unha campaña de promoción da súa administración dixital, a ferramenta que democratiza os procesos administrativos locais

29 Novembro 2023

  • Consultar datos padroais, pagar taxas e impostos municipais, exercer o dereito á participación pública, dar avisos e suxestións, presentar facturas… Todo isto é posible a través de sede.concellodemarin.es
  • A súa mellora e implementación foi posible grazas á cofinanciación dun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea

A dixitalización de Marín está cada vez máis avanzada. As novas tecnoloxías son esenciais no día a día das persoas e a forma que temos de relacionarnos entre nós e coas administracións mudou desde a súa integración na nosa vida. Nese sentido, Marín deu pasos de xigante para que a relación entre o Concello e a veciñanza puidese establecerse, tamén, a golpe de click.

De aí nace a Administración electrónica da vila: sede.concellodemarin.es, un portal no que poder realizar practicamente todos os trámites básicos para os que antes era imprescindible acudir de xeito presencial á Casa Consistorial.

Pagar os recibos de IBI, IVTM ou o IAE; descargar en minutos un volante ou un certificado de empadroamento ou modificar os datos padroais, solicitar a licenza de uso dun local municipal ou dun espazo da vía pública, rexistrar unha factura para o seu abono, presentar un orzamento, solicitar ou renovar a licenza de animais potencialmente perigosos ou dar de alta á nosa mascota no censo municipal de animais de compañía… Eses son só algúns dos trámites que se poden realizar a través da sede electrónica, facendo apenas un par de clicks.

Desde o Concello, lembran a necesidade de contar cun certificado electrónico para poder operar na sede. O certificado electrónico é a representación dixital dunha persoa física, para podela identificar de forma inequívoca.

“Moitas veces, hai persoas ou asociacións que xa se atopan neste punto cun escollo”, explica o tenente alcalde, Manuel Santos. “Por iso, tamén temos activo un servizo para axudar á creación do certificado, un trámite ao que se pode acceder directamente desde a web do Concello”.

Video tutoriais para saber usar a sede

Santos explica que se acaba de lanzar unha campaña de promoción da sede electrónica “para que toda a veciñanza coñeza as bondades da sede, que vexan como o seu Concello dá pasos para ser moderno, dixital e que pensa na súa comodidade para relacionarse coa administración local”.

Ademais da promoción, desde o Concello entende que é preciso facer “formación e divulgación” para aprender a usar esta sede. Para iso, iranse publicando vídeos en formato de vídeo tutorial nos que se ensinen paso a paso as tramitacións máis comúns.

A implantación desta Administración dixital, así como a adquisición dos equipos e do servidor preciso, foi posible grazas á cofinanciación do 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, dentro da estratexia Marín Dusi, cunha inversión total de 318.731,41 euros.

Este xoves, acto de presentación de resultados de Marín Dusi

Aproveitando o lanzamento desta campaña, o concelleiro Manuel Santos anunciou que este xoves a partir das 11.30 horas o Museo Municipal Manuel Torres acollerá o acto de clausura dos resultados da estratexia Marín Dusi, coa que se conseguiron cristalizar actuacións de mellora urbana, social, medio ambiental e dixital para a vila de Marín.

O acto, que ten apertura libre ao público e ao que asistirán representantes de distintas administracións que estiveron implicadas no desenvolvemento das actuacións incluidas na estratexia, contará con tres intervencións:

  • Marín Dusi, un exemplo de xestión dos fondos europeos, a cargo de José Baqueiro, coordinador da asistencia técnica de Marín Dusi
  • O Marín que xa é: do que quixemos ao que conseguimos, a cargo do concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos
  • O Marín que vén: o Centro Sociocultural como punto de inflexión na realidade cultural da nosa vila, a cargo da alcaldesa, María Ramallo
  • Tamén se proxectará un vídeo de recreación 3D do futuro interior do Centro SocioCultural
Está pasando!