‘Mientras dura el aplauso’, o novo álbum de Silvia Penide, chega ás principais plataformas dixitais este venres 1 de decembro

30 Novembro 2023

  • O disco, publicado en formato vinilo o pasado mes de xullo, recompila algúns dos grandes éxitos da cantante e compositora ao longo dos seus 20 anos de traxectoria
  • Voces como Mercedes Ferrer, Guadi Galego, Víctor Manuel, Javier Álvarez, Ugía Pedreira ou Andrés Suárez acompañan a Penide na reinterpretación dos seus temas
  • A cantautora presentará o seu novo traballo discográfico en Culturgal o sábado 2 de decembro e, cinco días máis tarde, actuará en Madrid, nun directo cuxas entradas xa están á venda a través de www.entradium.com

‘Mientras dura el aplauso’, o novo traballo discográfico de Silvia Penide, chegará o vindeiro venres, 1 de decembro, ás principais plataformas dixitais. O álbum, publicado por 10D10 Discos en formato vinilo o pasado mes de xullo, recupera algúns dos éxitos da cantante e compositora ao longo dos seus vinte anos sobre os escenarios.

Como parte da celebración das dúas décadas de traxectoria, Silvia Penide presenta o álbum, en directo, en distintas localidades de todo o territorio peninsular. Tras ofrecer distintos concertos a pasada semana en Andalucía, a artista formará parte, o vindeiro sábado 2, da programación oficial da feira Culturgal, na que actuará no Espazo Música. Cindo días máis tarde, o xoves 7 de decembro, a cantautora dará a coñecer ‘Mientras dura el aplauso’ en directo en Madrid, en LaTroupe Prado.

‘Mientras dura el aplauso’ é o primeiro vinilo de Silvia Penide na súa carreira. Cunha tirada limitada de 250 exemplares numerados a man, que a partir das 00.00 horas deste venres 1 poderase escoitar nas principais plataformas dixitais, a creadora presenta un resumo especial dalgúns dos grandes momentos que viviu sobre os escenarios nestas últimas dúas décadas. Faio, ademais, rodeada de grandes voces da escena musical galega e española. Así, temas dos seus anteriores traballos discográficos, como ‘Rebentaba’, ‘El efecto boomerang’ ou ‘Descredo’, soan agora máis especiais, se cabe, con colaboracións como as de Mercedes Ferrer, Víctor Manuel ou Javier Álvarez, respectivamente. Neste novo álbum, Silvia Penide tamén comparte as súas cancións con Eladio Santos, Ugía Pedreira, Félix Arias, Andrés Suárez ou Guadi Galego, con quen reinterpreta ‘El salto’.

O álbum, mesturado e masterizado por Arturo Vaquero, inclúe un tema inédito, ‘El colchón y el diván’, no que Silvia Penide convida o público “a quitarse a culpa que ás veces unha ten encima”. Como broche de ouro, ‘Mientras dura el aplauso’ péchase con ‘Diferentes Diferencias’, o tema que nace do libro homónimo escrito a cantautora e que neste caso conta coa colaboración, nos coros, de membros da asociación de enfermidades raras e epilepsia West Galicia e do alumnado do CEIP Novo Mesoiro da Coruña.


Está pasando!