Presentación do Ameixa Rock 2026 | Concello de Vilagarcía de Arousa

O Ameixa Rock celebra este ano a súa décimo terceira edición cun cartel encabezado polo grupo Bala

1 Setembro 2026

  • A primeira fin de semana de setembro volve cargada de música grazas ao Ameixa Rock.
  • O festival do Carril celebra este ano a súa décimo terceira edición cun cartel no que a banda Bala encabeza a lista de grupos que actuarán nos concertos de balde que terán lugar na zona portuaria do Carril o sábado 5 a partir das 19:00 horas e o domingo 6 a mediodía.
  • The Eskarallas, Storrentos, Festicultores, Boogies, Dj Klempner e 2 Hombres y Tercio completan o cartel que inclúe como actividades paralelas as tradicionais visitas medioambientais á illa de Cortegada.

O Ameixa Rock 2026 presentouse no Concello de Vilagarcía coa presenzas do alcalde, Alberto Varela, e varios membros da organización que lidera Elpidio Costa.

O rexedor destacou o enorme mérito que ten sacar adiante un evento desta dimensión con recursos limitados e sen ningún afán de lucro. “E algo que só é posible porque esta xente o fai polo inmenso amor que lle teñen á música e a Carril. Doutro xeito non sería posible facer tanto con tan pouco”, dixo antes de agradecerlles todo o tempo e o esforzo que dedican a dinamizar e promocionar a localidade.

O Concello de Vilagarcía recoñece a importancia e o valor do Ameixa Rock, unha cita fixa no calendario e que xa forma parte da marca VGA 365, creada para aglutinar os eventos culturais máis importante que se desenvolven no municipio de forma permanente ao longo do ano.

En canto ao cartel do Ameixa Rock, Elpidio Costa explicou que despois de ter que anular o ano pasado por chuvia a actuación de Bala, “volvemos disparar o festival con esta formación”.

A conexión punk entre O Carril-Vilaxoán farase a través The Eskarallas. O mesmo estilo será o que amosen Boogies, grupo gañador do concurso de bandas emerxentes, que mestura os ritmos máis punks coa música rock.

A animación dos Festicultores Troup tamén fará retumbar O Carril cunha actuación sorpresa e especial para este festival. E Storrentos actuará entre concertos o sábado, poñendo a nota divertida coas versións que fan dos “clásicos del rock de hoy y siempre”. Pechará a rolda musical do sábado noite, DJ Klempner.

Outra das singularidades do Ameixa Rock son as visitas medioambientais a Cortegada. Haberá dúas o sábado, unha de mañá e outra de tarde, e unha terceira o domingo pola mañá. Estas son as únicas actividades de pago, pero o festival ofrece prezos especiais (2×1) ás persoas que participen nelas.

A empresa local Corticata será quen se encargue das visitas. Dado que as prazas son limitadas, é necesario inscribirse previamente a través do teléfono 625 80 79 23 ou por e-mail: info@corticata.com

APP PROPIA

A organización estrea este ano unha App que se pode descargar dende a súa web https://ameixarockcarril.wixsite.com/website e na que se especifican todos os horarios dos concertos e das excursións a Cortegada, biografías dos grupos e outra información de interese. A aplicación foi deseñada por Antón Costa, membro da do festival.

Está pasando!