Presentación do Carnaval de Verán 2026 | Concello de Bueu

O Carnaval de Verán regresa este sábado á Banda do Río de Bueu

21 Agosto 2026

  • O evento, organizado polo Concello de Bueu e a hostalaría do barrio, celebrarase no aparcadoiro da Banda do Río e incluirá actuacións musicais e actividades para todos os públicos.
  • Unha das novidades desta edición é unha festa infantil para a cativada a partir das 18.30 horas que tamén incluirá merenda a cargo da hostalaría do barrio.

O Concello de Bueu e a hostalaría da Banda do Río organizan este sábado 22 de agosto o Carnaval de Verán, que se celebrará no aparcadoiro da zona e que incluirá diversas actuacións musicais, como DJs e outras actividades para todos os públicos, incluída a rapazada.

A xornada comeza ás 17:00 horas coa sesión vermú de DJ Gramola, e continúa ás 18:30 horas cunha festa infantil para nenos e nenas na que haberá música e diversión, e na que a hostalaría da zona organizará unha merenda.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou que nesta edición “temos actividades máis variadas, para todas as idades e públicos e das que adiantamos o horario co fin de garantir o descanso veciñal nocturno”.

As actuacións musicais con DJs abranguerán todas as épocas, dende os anos 80, 90 e 2000 ata a máis actual. Así, as persoas asistentes poderán gozar de DJ Gramola pola tarde, DJ Michi (22:00 horas), DJ Alexg (23:30 horas) e Dj Rubén Díaz (01:00 horas).

O Carnaval de Verán ten unha gran tradición na vila bueuesa e dende o Concello de Bueu prégase civismo por parte da poboación. Ademais, o consistorio fará un reforzo con contedores polo paseo e o areal e un baldeo especial ao día seguinte na zona do aparcadoiro.

Precisamente, neste aparcadoiro estará prohibido o estacionamento de vehículos dende o sábado ás 11:00 horas ata o domingo á mesma hora.

Dende o Concello de Bueu faise un agradecemento á hostalaría da zona “pola colaboración neste Carnaval que supón o peche do verán, e tamén porque sempre están pensando en actividades para dinamizar o barrio”.

Está pasando!