Presentación do programa ‘Ola Primavera!’ | Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra lanza ‘Ola Primavera!’, un novo programa para aproximar á cidadanía ao mundo das plantas e as flores

8 Maio 2026

  • A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, anunciou a posta en marcha de sete actividades gratuítas, con 200 prazas, que se desenvolverán no Mercado Municipal entre o 16 de maio e o 7 de xuño.
  • O obxectivo tamén é traballar co tecido empresarial local da cidade.

O Concello de Pontevedra vén de presentar o nacemento dun novo programa municipal denominado ‘Ola Primavera!’. A iniciativa, cuxa programación se estenderá desde o 16 de maio ata o 7 de xuño no primeiro andar do Mercado Municipal (rúa Serra, 5), ofrecerá un total de sete actividades e 200 prazas totalmente gratuítas para achegar a cidadanía ao mundo das flores e das plantas.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, foi a encargada de debullar os detalles deste proxecto, que nace co obxectivo principal de “poñer en valor un sector da nosa cidade que non pasa desapercibido: as floristerías”. Na súa intervención, Gulías destacou o traballo de preto dunha quincena de negocios pontevedreses que se dedican “con moito esmero e facendo o seu traballo con moitísimo cariño a endulzarnos un pouco a vida”, ademais de poñer en valor “a arte de coidar as plantas e de facer cousas fermosas”.

Segundo explicou a edil, o programa busca resaltar este traballo e achegalo á veciñanza para que coñezan a fondo a súa labor. O obxectivo é que a xente se anime e “contribúa a poñer a nosa cidade bonita, porque os balcóns, se se enchen de flores farán unha cidade moito máis bonita”. Trátase, en definitiva, dunha ampla programación para “saudar a primavera, poñer a nosa cidade a punto e contar co tecido empresarial local”.

As actividades programadas serán impartidas por catro firmas e profesionais da cidade: Plántate (100 prazas), Tendencias Floristas (60 prazas), unha colaboración entre Tendencias Floristas e Tremelucir (15 prazas), e Descaro Estudio Floral (25 prazas).

As 200 prazas ofertadas son de balde, pero precisarán de preinscrición a través da páxina web do Concello apuntate.pontevedra.gal, abrindo o prazo de solicitude online sete días antes de cada evento e asignándose por rigorosa orde de chegada. A concelleira advertiu de que, tendo en conta programacións previas, “normalmente estas prazas voan”, polo que aconsellou estar pendentes das inscricións.

O calendario de ‘Ola Primavera!’ inclúe propostas tanto para a cativada como para persoas adultas:

  • Sábado 16 de maio: Obradoiro infantil “A miña primeira horta”, para crianzas de 4 a 12 anos, onde sementarán pementos, tomates e amorodos.
  • Domingo 17 de maio: Taller “Plantación de xardineiras”, para crear unha composición con plantas de tempada para decorar os balcóns.
  • Venres 22 de maio: Taller sensorial “Florecendo xuntas”, un espazo de autocoidado concibido pola concelleira como unha pausa “para parar en metade deste ruído inmenso que é a vida”.
  • Sábado 30 de maio: Obradoiro “Transplante e coidado das plantas”, para aprender as nocións básicas sobre raíces, rega e substratos.
  • Domingo 31 de maio: Coloquio “Menos drama, máis plantas”, unha guía fundamental de coidado para principiantes.
  • Domingo 7 de xuño: “Taller de ramo silvestre”, cun estilo desenfadado e fóra do convencional.

Para divulgar a programación, a Concellaría tamén ofrecerá á hostalaría manteis coa imaxe da campaña e un QR dirixido ao programa.

A maiores desta grella de obradoiros, a programación complementarase co evento PlantFest, un “Festival da Cultura Verde” que se celebrará o sábado 23 de maio, e que servirá como punto de encontro con coloquios e intercambio de escallos.

Está pasando!