Desfile de Entroido en Poio | © Concello de Poio

O concurso do desfile de Entroido en Poio repartirá premios por valor de máis de 6.000 euros en diferentes categorías

27 Xaneiro 2023

A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, informa de que o prazo de inscrición para poder participar no concurso do Desfile de Entroido 2023, que terá lugar o domingo 19 de febreiro, abrirase o día 6, permanecendo operativo ata o mércores 15.

Como xa é tradición, as persoas interesadas en tomar parte neste certame poderán anotarse tanto en categoría adulta (para maiores de 15 anos) como infantil (ata 14 anos), nas que figuran as subcategorías de Individual, Parellas e Grupos. Ademais, tamén haberá premios especiais para Choqueiros e Animación.

Esta edición do Entroido, cuxa programación será presentada en videiras datas, será unha das máis especiais, por supoñer o retorno á normalidade logo de dous anos marcados polas restricións derivadas da situación sanitaria. Un dos grandes alicientes será o incremento dos premios en metálico. Raquel Rodríguez sinala que a contía total ascende a máis de 6.500 euros, o que supón un aumento de máis do 40% con respecto a 2020, na que foi na última edición que se puido celebrar antes da chegada da COVID-19. Como xa é habitual, estes premios irán a parar aos tres primeiros clasificados de cada subcategoría, se ben no caso dos grupos de adultos haberá galardóns para os 8 mellores, desde 800 a 100 euros. No caso das parellas, o reparto será de 210, 160 e 120 euros, respectivamente, mentres que na subcategoría individual os premios ascenden a 170, 120 e 75 euros para os tres mellores valorados. Pola súa banda, os disfraces a nivel individual das crianzas ascenden a 120, 105 e 70 euros, mentres que no caso das parellas o reparto queda en 160, 120 e 75 euros. Os tres mellores grupos levaranse 250, 205 e 160 euros, respectivamente. Por último, no caso das categorías especiais de Choqueiro e Animación, serán 200 euros para os primeiros clasificados, 155 euros para os segundos e 110 euros para os terceiros.

O xurado encargado de valorar os disfraces estará presidido pola titular de Cultura. Os seus membros serán os integrantes da Comisión Municipal de Educación, Cultura e Deportes. Á hora de dar as puntuacións teranse en conta factores como o vestiario, a orixinalidade, as coreografías, o ritmo, a animación ou a posta en escena. Farase entrega dos premios unha vez rematado o desfile na Seca.

As solicitudes de inscrición de grupos deberán realizarse a través da Sede Electrónica do Concello, mentres que individuais e parellas poderán facelo tamén a través desta ferramenta telemática ou presentando a documentación no Rexistro Xeral, en horario de 08.30 a 14.30 horas, de luns a venres. Nestes dous últimos casos, existe a opción de anotarse ‘in situ’ na Praza da Granxa o propio día do desfile, entre as 15.30 e as 16.00 horas.

A edil de Cultura informa de que as bases do concurso, que xa foron aprobadas en Xunta de Goberno Local, pasarán a estar a disposición da cidadanía na páxina web do Concello de Poio, así como no taboleiro de anuncios. “Temos xa moitas ganas de volver a gozar do Entroido, unha das festas máis importantes no noso concello, que é todo un referente na bisbarra tamén grazas á implicación e colaboración dos colectivos e asociacións locais”, conclúe Raquel Rodríguez.

Está pasando!