Espectáculo medieval no Día de Colón 2025 | Concello de Poio

O Día de Colón celebrarase este venres e sábado cunha ampla programación que convertirá Combarro nun auténtico escenario medieval 

19 Maio 2026

O Concello de Poio e as asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas organizan unha nova edición do Día de Colón, unha celebración que converterá Combarro nun auténtico escenario medieval durante dúas xornadas cheas de historia, animación e actividades para todos os públicos.

O Día de Colón celebrarase finalmente este venres 22 e sábado 23 de maio, despois de que a previsión de choiva e vento obrigase a aprazar a festa da súa data inicial. Durante dúas xornadas, Combarro converterase nun escenario vivo para rememorar a figura de Cristóbal Colón e a súa vinculación con Poio, a través dunha completa programación que busca impulsar e divulgar a teoría do Colón galego, vinculada a Poio, Portosanto e á parroquia de San Salvador.

As rúas encheranse de vida con actividades e espectáculos de ambientación medieval, entre os que haberá música en directo, animación de rúa, mercado artesanal, representacións e propostas participativas. A Praza da Chousa acollerá 45 postos artesanais, ademais de xogos e actividades tradicionais para todas as idades. Cómpre destacar tamén a implicación dos colectivos locais e da veciñanza de Combarro, que nas últimas semanas participaron activamente na decoración das rúas para ambientar as rúas de Combarro para a ocasión.

Será unha gran festa de rúa, con animación continua e coidada ambientación, que contribuirá á dinamización económica e turística do municipio. De feito, boa parte dos establecementos hostaleiros de Combarro colgaron xa o cartel de completo para o sábado ao mediodía.

UNHA PROGRAMACIÓN QUE RELACIONA A FIGURA DE CRISTÓBAL COLÓN CON POIO

O Día de Colón comezará o venres 22 de maio coa chegada, ás 19.30 horas, da nao Santa María con Colón e a súa tripulación á Praza da Chousa, onde se instalará o mercado medieval e haberá xogos tradicionais. A continuación, terá lugar o pregón a cargo de Mundo Nores.

A xornada rematará cunha exhibición de cetrería e bailes medievais coa Asociación Leucoíña.

O sábado 23, desde as 11.00 horas, a Praza da Chousa acollerá talleres demostrativos de canteiros, cesteiras, palilleiras e redeiras, así como clases de esgrima medieval mercado artesanal. Na Praia do Padrón desenvolveranse exhibicións e obradoiros de tiro con arco.

Ao longo de toda a xornada, diferentes grupos e artistas percorrerán as rúas con música e animación, entre eles Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio, Os Mendigos, As Pandereiteiras do Ronsel, Os Queimatasas e Os Vikingos. Tamén haberá bailes medievais coa Asociación Leucoíña e teatro itinerante con Moura Teatro.

Festa dos Meninos, con zona infantil, comezará ás 11.30 horas. Durante a mañá tamén haberá exhibicións de esgrima histórica e cetrería.

Xa pola tarde, continuará o tiro con arco na Praia do Padrón, mentres que na Praza da Chousa o Grupo de Carnaval Samieira organizará xogos tradicionais como carreiras de barrís e de sacos ou lanzamento de alpacas.

Tras unha nova exhibición de cetrería, ás 18.30 horas dará comezo a Xusta Medieval, unha das citas máis esperadas.

A programación completarase co concerto de Os Mendigos, ás 20.00 horas, e un espectáculo medieval de lume ás 21.00 horas.

Está pasando!