“Extra!”, espectáculo musical de Paco Nogueiras | Festival Atlántica

O Festival Atlántica regresa a Vigo cunha programación especialmente pensada para público infantil e familiar

18 Xuño 2026

  • A cidade consolídase como un dos puntos de encontro do festival no sur de Galicia cunha proposta que une literatura oral, música e creatividade para novas xeracións
  • A Biblioteca Juan Compañel acollerá varias sesións dirixidas á infancia e ás familias ao longo do mes de xuño

O Festival Atlántica regresa un ano máis a Vigo para converter a cidade nun dos escenarios destacados da décimo cuarta edición deste encontro internacional de narración oral, reafirmando a súa aposta por achegar a palabra contada ao público infantil e familiar.

A programación desenvolverase na Biblioteca Juan Compañel, espazo que volverá funcionar como punto de encontro entre literatura, oralidade, música e creación compartida, cunha proposta especialmente deseñada para as novas xeracións.

A primeira cita terá lugar o xoves 18 de xuño con “Corochas”, de Atenea García, unha actividade orientada a bebés de ata tres anos que contará con dúas sesións e que propón unha experiencia escénica centrada nos primeiros vínculos coa palabra e a imaxinación.

O sábado 20 de xuño chegará “O Grúfalo”, de Carmen Domech, unha proposta familiar baseada nun dos relatos infantís máis recoñecidos internacionalmente e pensada para público a partir de catro anos.

A programación en Vigo pecharase o sábado 27 de xuño coa actuación de Paco Nogueiras e o espectáculo “Extra!”, unha proposta que combina música, humor e narración nun formato participativo dirixido ao público familiar.

Con esta programación, Vigo reforza o seu papel como un dos espazos de referencia do festival no sur de Galicia, dentro dunha edición na que Atlántica continúa levando a narración oral a múltiples territorios e reivindicando a palabra compartida como parte esencial do patrimonio cultural vivo.

Ao longo desta nova edición, o festival segue tecendo unha rede cultural por toda Galicia, facendo da oralidade unha ferramenta de encontro, aprendizaxe e transmisión entre xeracións.

Está pasando!