O Festival Clasclás celebra a súa IX edición en Vilagarcía do 20 ao 27 de xuño

16 Abril 2026

A edición de 2026 do Clasclás convértese nunha aposta pola emoción pura; un percorrido que vai dende a profundidade do Barroco e a mestría interpretativa de grandes solistas e ensembles, ata a curiosidade infinita que nos esperta o Universo.

Se a paixón de Bach abrirá as portas do espírito no concerto inaugural, a forza rítmica e obsesiva de Ravel será a encargada de devolvernos á terra na clausura.

Festival Clasclás celebra a súa IX edición en Vilagarcía de Arousa do 20 ao 27 de xuño de 2026, consolidado como un referente de innovación da música clásica actual. Nove anos de traxectoria non son só unha cifra: representan a maduración dunha idea que hoxe florece nun sentimento compartido: a Paixón.

Baixo este lema, a edición de 2026 convida o público a descubrir a música non como un obxecto do pasado, senón como unha forza viva, transformadora e esencial.

A paixón é o motor dos compositores, dos artistas que interpretan as obras, do equipo que leva a cabo este proxecto e do público leal que escoita cada un dos concertos con verdadeiro entusiasmo e atención. E tamén é a que move este Clasclás a través dos seus cinco programas xa consolidados:

  • O sinfónico-artístico, que se fusionan, por fin, nesta IX edición
  • O programa matinée
  • O programa social e comunitario
  • O pedagóxico e de masterclasses
  • E o Clasclás a pé de rúa

A maior novidade é, sen dúbida, a participación residente da Orquestra Sinfónica de Galicia OSG, institución de recoñecido prestixio internacional que sitúa o Festival Clasclás nun novo horizonte de excelencia. A súa implicación como orquestra residente vai máis alá dunha colaboración puntual, vertebrando a programación desta edición a través de dous fitos monumentais que serven de apertura e clausura do festival:

  • O concerto inaugural coa ‘Paixón segundo San Xoán’ de J. S. Bach, no que cinco solistas, a orquestra e coro da OSG estarán baixo a dirección de Carlos Mena, referente absoluto na interpretación da música antiga que garante unha visión unitaria e profunda desta obra cumio.
  • O concerto de clausura, que fusiona música e astronomía, onde a OSG será dirixida por José Trigueros. Un proxecto inmersivo en conmemoración da eclipse solar do 12 de agosto de 2026 con obras de Richard Strauss, Joaquín Rodrigo, Antonín Dvořak, Claude Debussy, John Estacio e Maurice Ravel

A programación desta IX edición presenta un equilibrio excepcional entre grandes institucións como a Orquestra Sinfónica de Galicia, formacións de cámara de referencia e solistas internacionais que achegan unha gran frescura ao festival (como o Terra String Quartet, Bella Adamova ou o pianista Davit Khríkuli).

A presenza de Noelia Rodiles, recoñecida pola súa solvencia na música contemporánea, avala unha programación que aposta polo talento de Javier Martínez Campos e o patrimonio de Fernando Buíde. Unha conxunción de excelencia que atopa o seu máximo expoñente na estrea mundial da ‘Tango suite’ de Claudio Constantini, posicionando o festival na vangarda da interpretación internacional.

O Clasclás 2026 convértese así nunha viaxe por obras viscerais de altísima carga emocional: dende a intensidade dos tangos de Piazzolla e a forza da ‘Fantasía baética’ de Falla, ata o lirismo de Brahms, o monográfico de Chopin a cargo de Khríkuli ou a fondura dos lieder de Strauss e Mahler que escoitaremos na voz única da mezzosoprano Bella Adámova.

Baixo esta premisa, o festival aspira a ser un espazo onde a excelencia interpretativa da OSG e o resto de artistas sirva para explorar a condición humana e a nosa relación co cosmos. Reafirmamos así a Vilagarcía como un polo de innovación cultural onde a música é o motor que, neste 2026, une ciencia, historia e compromiso social.

PROGRAMACIÓN SINFÓNICOARTÍSTICA E MATINÉE: O PERCORRIDO DA PAIXÓN

Son un total de dez os concertos que compoñen esta edición: sete corresponden ao programa sinfónico-artístico, que se realizarán no serán no Auditorio Municipal e no Pazo da Golpelleira, e tres terán lugar en sesión matinée na Igrexa de Vistalegre e no Salón García.

O Clasclás evoluciona este ano incorporando como novidade na súa estrutura unha residencia artística, unha estrea absoluta e un percorrido por autores que exploran formas musicais ata o de agora inéditas no festival. Neste camiño, cómpre sinalar os seguintes aspectos fundamentais:

  • Un fito histórico: Viviremos un momento inédito coa interpretación da ‘Paixón segundo san Xoán’, que traerá por vez primeira a forza conxunta da orquestra, dos solistas e do coro da OSG.
  • A voz do bandoneón: Escoitaremos este instrumento, nado en Alemaña ao redor de 1840 coma “órgano de mans”, que tras ser deseñado inicialmente para interpretar música sacra acaba converténdose na voz do profano e da noite: o tango.
  • A versatilidade da música de cámara: O Terra String Quartet e Oskar Espina Ruiz amosarán a súa polivalencia cunha dobre cita; dous programas distintos para dous escenarios con encanto: a Igrexa de Vistalegre en sesión matinée e o Pazo da Golpelleira no serán.
  • Ampliación do imaxinario: Sumamos ao noso catálogo a linguaxe de compositores que se presentan este ano no festival: Frederic Chopin, Reinhold Gliere, Javier Martínez Campos, Claudio Constantini, Seth Grosshandler, Domenico Scarlatti, Gabriela Ortíz, Jesús Bal y Gay, Rosa María Ascot, Thierry Escaich, Fernando Buide, Joaquín Rodrigo e John Estacio .
  • A aposta polo lied: Incorporamos este xénero como unha das grandes apostas desta edición, explorando a beleza destas cancións de cámara que elevan o diálogo entre voz e piano ao seu máximo nivel artístico da man de Bella Adámova e Michael Gees, con obras de Richard Strauss, Gustav Mahler e Antonín Dvořak.
  • O broche de ouro: O Clasclás pechará cunha experiencia inmersiva coa OSG, onde a música dialogará cunha proxección simultánea para pór o punto final a esta edición.

Entradas á venda en clasclas.com. Para calquera dúbida sobre a adquisición online das entradas, envía un email a entradas@clasclas.com, chama ao teléfono 986 500 916 ou achégate ás oficinas do Conservatorio Profesional de Música sitas no 1º andar do Auditorio Municipal. Horario de atención ao público, de luns a venres, de 11 a 13:30 horas e de 16 a 20 horas (por favor, chama antes de ir).

Está pasando!