Participantes no II Desfile de Comparsas e Carrozas infantís | Concello de Ribadumia

O II Desfile de Comparsas e Carrozas infantís do Concello de Ribadumia encheu as rúas de coloridos e orixinais disfraces

6 Marzo 2025

Un total de 28 dorsais de entre todas as categorías participaron nesta cita destacada do Entroido de Ribadumia.


O pasado luns, 3 de marzo, no Concello de Ribadumia celebrouse unha das citas máis esperadas do Entroido, a II edición do Desfile de Comparsas e Carrozas infantís.

O evento reuniu a centenares de veciños e visitantes que non quixeron perder a oportunidade de contemplar unha ampla miscelánea de disfraces e creacións do máis coloridas, que partiron da Casa de Cultura e remataron o seu itinerario na Carballeira de Barrantes. Ademais, o evento contou coa animación de Javi Solla, quen puxo a nota musical a unha tarde para recordar.

Os participantes chegaron ata os 28 dorsais entre todas as categorías, sumando un total de arredor de 400 persoas participantes, destacando a presencia de 4 grupos que superaban os 20 integrantes.

Repartíronse preto de 3000 euros en premios nas categorías de individual infantil, parella infantil, grupos de máis de 3 persoas, carrozas de 3 a 20 persoas, e carrozas de máis de 20 integrantes.

A relación de premios foi a seguinte:

Individual infantil:
• 1º PREMIO: “A volta ao mundo”.
• 2º PREMIO: “Nayra de Motunvi”.
• 3º PREMIO: “A guardiana do bosque”.

Parella infantil:
• 1º PREMIO: “As fadas encantadas”.
• 2º PREMIO: “Os cocoruxos”.
• 3º PREMIO: “Maxia”.

Grupos de máis de 3 persoas:
• 1º PREMIO: “Bubelas Rock”.
• 2º PREMIO: “Gru y los minions”.
• 3º PREMIO: “Damas antiguas y hada”.

Carrozas de 3 a 20 persoas:
• 1º PREMIO: “Galácticos na rúa”.
• 2º PREMIO: “O batmóbil”.
• 3º PREMIO: “Piratas de Meaño”.

Carrozas de máis de 20 persoas:
• 1º PREMIO: “A maxia dos dragóns”.
• 2º PREMIO: “Los mosqueteros de los chimpavasos”.
• 3º PREMIO: “Ataque ó castelo”.

O Entroido de Ribadumia rematará oficialmente o vindeiro sábado, 8 de marzo, co tradicional Enterro da Galiña. Esta cita está organizada pola Asociación de veciños San Andrés de Barrantes en colaboración co Concello de Ribadumia e terá lugar no Centro Social de Barrantes a partir das 19:30 horas.

O programa da cita entroideira inclúe un desfile polas rúas do municipio ao son das comparsas e da Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, o reparto de premios aos mellores disfraces e finalmente unha gran laconada e baile, amenizado polo dúo La sintonía de tu vida.

Está pasando!