O Concello de Marín dá a coñecer a programación do Samaín Briz 2026 con dúas rutas do terror, catro estacións do medo e actividades infantís

22 Outubro 2026

A Finca de Briz abrirá o sábado 31 de outubro ás 18.30 horas, cunha festa que incluirá PequeSamaín, música na lagoa e postos de comida. As colas das rutas pecharán ás 21.00 horas


Tras presentar a festa a pasada semana, o Samaín Briz 2026 desvela a programación que transformará a Finca de Briz nun escenario de medo e diversión o sábado 31 de outubro, desde as 18.30 ata as 23.00 horas.

A proposta combinará dúas rutas do terror, catro estacións do medo, actividades para os máis pequenos e animación musical, distribuídas por distintos espazos da finca.

DÚAS RUTAS DO TERROR CON PECHE DE COLAS ÁS 21.00 HORAS

Desde a apertura do recinto, ás 18.30 horas, o público poderá achegarse ás dúas rutas preparadas para esta edición: ‘A vila embruxada dos da Caña’ e ‘O último pase’, do CD La Peña.

O Concello lembra que as colas para acceder a estas rutas pecharán ás 21.00 horas, un horario que cómpre ter en conta á hora de planificar a visita e participar nos percorridos.

CATRO ESTACIÓNS PARA VIVIR O MEDO EN BRIZ

A programación contará tamén con catro estacións do medo, que funcionarán de 18.30 a 22.00 horas:

  • A Granxa Fantasma
  • A Pandilla Circense do Terror
  • Hospital das Ánimas en Pena
  • O Circo das Ánimas Perdidas

Estas propostas completarán a ambientación da finca e ofrecerán diferentes escenarios para mergullarse na atmosfera do Samaín.

PEQUESAMAÍN E MÚSICA NA LAGOA

Os nenos e nenas terán o seu propio espazo no PequeSamaín, que se desenvolverá entre as 18.30 e as 22.00 horas, con pintacaras, xogos e animación musical, entre outras actividades.

A zona da lagoa contará con animación e música de 19.00 a 22.30 horas. Ademais, a festa disporá de postos de comida e ambientación musical, para completar unha tarde e noite de lecer na finca.

O fin de festa está previsto para as 23.00 horas.

A COLABORACIÓN DOS COLECTIVOS LOCAIS, ESENCIAL PARA A FESTA

O Concello agradece a participación da Fundación Juan XXIII, a comparsa Os da Caña, o CD La Peña, as comparsas La Pandilla, As Sonecas e Moreira a Tope, e Cor Café, cuxa implicación permite dar forma aos distintos espazos e actividades.

Esta colaboración volve converter o Samaín Briz nunha celebración colectiva, na que o traballo das entidades locais contribúe a ofrecer unha programación para diferentes públicos arredor dunha das noites máis especiais do outono.

Está pasando!