Presentación dos ‘Petiscos IKFEM’ en Salvaterra de Miño | Concello de Salvaterra de Miño

O IKFEM Festival Tui-Valença presenta os ‘Petiscos IKFEM’ en Salvaterra de Miño

12 Xuño 2026

  • Maridando música, literatura, viño e patrimonio na Fortaleza Dona Urraca e Bodegas Fillaboa.
  • Ángela Banzas, finalista do Premio Planeta 2025, e a soprano Laura Molina protagonizan unha experiencia cultural única entre patrimonio, viñedos e música en directo o 27 de xuño.

O IKFEM Festival Tui-Valença presenta os ‘Petiscos IKFEM’ en Salvaterra de Miño, unha proposta cultural que converterá o municipio nun escenario de encontro entre literatura, música, gastronomía, viño e patrimonio. A cita, que terá lugar o sábado 27 de xuño, servirá como antesala da 14ª edición do festival transfronteirizo.

A programación desenvolverase en dous espazos emblemáticos de Salvaterra de Miño: a Fortaleza Dona Urraca, símbolo histórico da vila e testemuña da súa relación coa fronteira natural do río Miño, e Bodegas Fillaboa, unha das adegas máis singulares da Denominación de Orixe Rías Baixas.

A escritora Ángela Banzas, finalista do Premio Planeta 2025 e unha das autoras máis recoñecidas da narrativa actual, protagonizará un encontro literario aberto ao público na Fortaleza Dona Urraca ás 12.00 horas, nunha conversa coa xornalista Eva V. Lima.

Xa pola tarde-noite, a música tomará o protagonismo en Bodegas Fillaboa, onde a soprano Laura Molina, acompañada ao piano por Paula López Atanet, ofrecerá un concerto ás 20.00 horas. A experiencia completarase cunha visita guiada previa aos viñedos, ás 19.00 horas, e unha cata de viño posterior.

As entradas para o concerto e a experiencia enolóxica teñen un prezo de 20 euros e están á venda en ikfem.com.

Con ‘Petiscos IKFEM’, o festival reforza a súa aposta por crear experiencias próximas ao público, conectando disciplinas artísticas e poñendo en valor o patrimonio do Baixo Miño. Literatura, música e viño danse a man nun formato íntimo pensado para descubrir novos espazos e novas emocións.

O IKFEM Festival Tui-Valença é unha das citas culturais máis singulares da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Tras catorce edicións consecutivas, continúa convertendo espazos patrimoniais e paisaxísticos emblemáticos en escenarios para a creación contemporánea e o diálogo entre culturas. A súa 14ª edición celebrarase na Eurocidade Tui-Valença do 16 ao 19 de xullo.

PROGRAMA EN SALVATERRA DE MIÑO

Sábado 27 de xuño

  • 12.00 h – Fortaleza Dona Urraca. Entrada libre ata completar aforo. Encontro literario coa escritora Ángela Banzas (finalista do Premio Planeta 2025), en conversa coa xornalista Eva V. Lima.
  • 19.00 h – Bodegas Fillaboa. Visita guiada aos viñedos para coñecer a historia e o traballo da adega.
  • 20.00 h – Bodegas Fillaboa. Concerto da soprano Laura Molina, acompañada ao piano por Paula López Atanet, seguido dunha cata de viño.

As entradas para o concerto e a experiencia enolóxica teñen un prezo de 20 euros e están á venda en ikfem.com.

ÁNGELA BANZAS – Finalista Premio Planeta 2025

Natural de Santiago de Compostela, Ángela Banzas é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago e MBA pola Escola Europea de Negocios de Madrid. A súa carreira estivo ligada á consultoría de Administración Pública.

A súa primeira novela, ‘El silencio de las olas’ (Suma, 2021), obtivo un grande éxito de público e vendas, á que seguiron ‘La conjura de la niebla’, ‘La sombra de la rosa’ e ‘El aliento de las llamas’. En 2025 foi finalista do Premio Planeta coa obra ‘Cuando el viento hable’.

LAURA MOLINA – Soprano

Laura Molina Sepúlveda (Madrid, 1996) formouse na Escola Superior de Canto de Madrid e realizou posteriormente un Máster de Ópera na Fundació Conservatori Liceu de Barcelona.

Actuou en escenarios como o Gran Teatre del Liceu de Barcelona, o Auditorio Nacional ou o Ateneo de Madrid, interpretando papeis destacados do repertorio operístico. En 2025 recibiu o Segundo Premio de Juventudes Musicales de España e o Premio Especial do xurado do Concurso Internacional de Canto de Xaén.

Nesta ocasión estará acompañada pola pianista Paula López Atanet, formada no Royal Northern College of Music e con ampla experiencia como acompañante de cantantes e instrumentistas.

Está pasando!