O Maratón Fotográfico pola Igualdade de Vilagarcía rompe fronteiras ao celebrarse este ano na modalidade non presencial

23 Febreiro 2021

O tradicional Maratón Fotográfico que dende hai anos organiza a Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía no marco dos actos conmemorativos do 8M celebrará a edición deste ano de maneira non presencial para garantir a participación dentro da absoluta observancia das normas sanitarias de prevención da covid.

Dadas as restricións á mobilidade existentes, as persoas inscritas poderán participar dende os seus respectivos municipios, tomando as imaxes nas súas áreas xeográficas.

A proba celebrarase o 6 de marzo, comezando cunha xuntanza virtual na que se comunicará aos asistentes as tres temáticas que deberán ilustrar nas fotografías, que deberán remitir por correo electrónico ese mesmo día ao pecharse a proba.

Concederanse 3 premios de 200 euros.

O Maratón Fotográfica do 8 M conta tradicionalmente coa participación de afeccionados á fotografía de diversos puntos da provincia e incluso de municipios da Coruña e Ourense, que se desprazaban ata Vilagarcía para tomar parte na proba. Este ano a participación ábrese aínda máis, xa que non será preciso o desprazamento para participar, o que fai máis doado, se cabe, tomar parte na proba.

A deste ano será a XIII edición do Maratón Fotográfico, unha actividade que xurde en torno ao Día Internacional da Muller, o 8M, e que busca concienciar e sensibilizar á poboación sobre a igualdade de xénero. A fotografía pode ser un instrumento que invite á reflexión sobre a desigualdade de xénero, por iso a través desta actividade preténdese que os participantes capten a través da súa creatividade esas situacións de desigualdades co obxectivo de facelas visibles ante a sociedade como medio para impulsar os cambios que as fagan desaparecer.

Os únicos requisitos para participar na maratón Fotográfica son non ser fotógrafo profesional e inscribirse dentro do prazo establecido, que finaliza o 3 de marzo, conforme aos sistemas que se indican nas bases que se poden obter a través do taboleiro de anuncios do portal municipal www.vilagarcia.gal ou da sede@vilagarcia.gal, onde tamén están dispoñibles os formularios.

A participación na Maratón non ten límite de idade. Os menores deben presentar xunto a inscrición a fotocopia do DNI dun dos proxenitores, titor ou adulto que os representen.

As persoas inscritas deberán participar o mesmo sábado, 6 de marzo, na xuntanza virtual que se celebrará a primeira hora da mañá a través da plataforma informática que se lles indicará previamente. A asistencia é obrigatoria. Na reunión explicaranse as normas para o desenvolvemento da proba e se darán a coñecer os tres temas que deberán ilustrar nas fotografías que poderán tomar entre as 10:00 e as 19:00 h. desa mesma xornada. Cada participante deberá presentar unha imaxe de cada tema. Entre as 19:00 e as 23:59 h. terán que enviar os traballos por correo electrónico ao enderezo sinalado e cumprindo os requisitos formais que se indican nas bases.

O veredicto do xurado farase público o 31 de marzo, coincidindo coa inauguración da exposición con todas as fotografías concursantes no certame.

Para resolver dúbidas, os interesados poden contactar coa Área de Igualdade de dirixíndose directamente ao Concello de Vilagarcía en horario de 08:00 a 15:00 h., chamar aos teléfono 986 099 200 extensións 102 ou 109 no horario antes sinalado, ou remitir un mail ao enderezo muller@vilagarcia.gal

Está pasando!