Actividades de O Marisquiño Kids | O Marisquiño

O Marisquiño levará a súa programación familiar aos catro días do festival con máis de 40 actividades gratuítas

30 Xuño 2026

  • O festival agrupa toda a súa programación familiar baixo a nova marca Marisquiño Kids, con talleres, xogos, exhibicións, un concerto e espazos participativos
  • O Family Day by Gadis manterá a súa celebración o xoves en Samil e Navia, con actividades gratuítas que requiren inscrición previa na páxina web do festival
  • A Praza de Marisquiño, novo espazo situado no recinto de Samil, acollerá de xoves a domingo actividades abertas e sen inscrición previa

O Marisquiño estende este ano a súa programación familiar aos catro días do festival, do 6 ao 9 de agosto, con máis de 40 actividades gratuítas en Samil e Navia.

Baixo a nova marca Marisquiño Kids, a edición de 2026 incluirá talleres, xogos, exhibicións, un concerto e espazos participativos, nunha proposta concibida para achegar os deportes de acción e a cultura urbana ás xeracións máis novas.

Actividades de O Marisquiño Kids | O Marisquiño

O Family Day by Gadis manterá a súa celebración na xornada inaugural, o xoves 6 de agosto, con 26 talleres gratuítos e 320 prazas dispoñibles para nenos e nenas de 5 a 16 anos. A programación permitirá iniciarse en disciplinas como skate, BMX, flatland, breaking, basket 3×3, grafiti e, como novidade desta edición, freestyle rap. As actividades contarán co acompañamento de monitores e adestradores profesionais especializados en cada disciplina. Entre eles estará Varo Hernández, campión de España de BMX Freestyle en 2022.

Como en edicións anteriores, o skatepark de Navia será o espazo elixido para os talleres de skate e BMX. O resto de actividades desenvolverase no recinto da praia de Samil, onde tamén terá lugar un campionato xuvenil de basket 3×3 como arranque das competicións previstas durante a fin de semana. As inscricións para todos os talleres do Family Day xa poden realizarse a través da páxina web omarisquino.com/workshops

Monk Blues Band | O Marisquiño

A xornada do xoves finalizará co concerto gratuíto de benvida ao Marisquiño 2026, que este ano estará especialmente dedicado ao público familiar. Monk Blues Band actuará no escenario da Praza cun repertorio de clásicos de blues, soul, rock e funk.

A Praza de Marisquiño funcionará desde o xoves como espazo aberto para a programación familiar en Samil, sen necesidade de inscrición previa. O novo espazo acollerá talleres de hip hop e danza urbana; actividades dedicadas aos compoñentes de skate e BMX, pensadas para aprender como se montan e axustan unha táboa ou unha bici; Xogando coa Rima, unha proposta de iniciación ao freestyle rap dirixida por Gallos del Norte; e os talleres creativos Deseña e crea con POSCA, onde os participantes poderán personalizar unha táboa de skate.

Actividades de O Marisquiño Kids | O Marisquiño

Ademais, durante os catro días do festival funcionarán dous espazos participativos no recinto de Samil: Marisquiño Finger Skate, unha actividade para practicar skate cos dedos sobre táboas e circuítos en miniatura, e a Ruleta da Fortuna by Gadis, un xogo de pericia con premios especiais.

Con Marisquiño Kids, o festival reforza a súa dimensión interxeracional e amplía as opcións para desfrutar do festival en familia. Toda a información sobre horarios, localizacións, idades recomendadas e inscricións está dispoñible na páxina web omarisquino.com

Está pasando!