Presentación do X Saltar na Rúa | Concello de Pontevedra

O mellor atletismo galego e internacional cítase na Ferraría coa celebración do X Saltar na Rúa

25 Agosto 2026

  • A proba deportiva arrincará este sábado ás 19:30 horas na céntrica praza pontevedresa, coincidindo co ano no que a Sociedad Gimnástica celebra o seu 99 aniversario
  • O director da proba, Santi Ferrer, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentaron os detalles deste certame plenamente consolidado despois de dez anos de traxectoria ininterrompida

A Praza da Ferraría converterase este sábado nun gran escenario ao aire libre para acoller a décima edición de Saltar na Rúa. Trátase dunha cita «moi especial» que comezou a súa andaina coincidindo co 90 aniversario da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, club que este ano alcanza os 99 anos de historia ás portas do seu centenario en 2027.

O director deportivo do club e responsable da organización, Santi Ferrer, destacou que a competición reunirá aos mellores atletas de Galicia, xunto con destacadas figuras do panorama nacional e do país veciño, Portugal.

Entre as presenzas confirmadas de fóra de Galicia atópase a saltadora portuguesa Ana Rita Silva, asidua ao certame e con marcas que superan os 6 metros en lonxitude e os 13 metros en triplo salto.

Ferrer agradeceu de xeito moi especial o esforzo e a confianza do Concello de Pontevedra para facer posible este evento de forma ininterrompida durante dez edicións, superando incluso o período da pandemia.

A competición organizarse en tres bloques diferenciados a partir de media tarde:

  • 19:30 horas – Salto de lonxitude: Cun total de oito atletas (catro mulleres e catro homes). Os encargados de abrir o concurso serán os pontevedreses Andrea Villaverde —atleta que estivo presente en todas as edicións de ‘Saltar na Rúa’— e Sergio, actual titular do equipo absoluto masculino que conta cunha marca acreditada de 7,85 metros.
  • 20:00 horas – Triplo salto: Unha modalidade menos coñecida que o salto de lonxitude, que sempre logra atraer olladas curiosas
  • 20:30 horas – Salto con pértiga: Onde se poderá ver aos atletas “sobrevoando os aires da boa vila”.

Aproveitando que o prognóstico do tempo non acompañará para ir á praia, Ferrer animou a toda a cidadanía a dar un paseo por Pontevedra e facer parada na Ferrería para gozar de “un espectáculo deportivo que non vai deixar indiferente a ninguén”.

Pontevedra, orgullosa de manter o modelo de ‘cidade do deporte’

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo felicitar á Sociedad Gimnástica polos seus 99 anos dedicados á formación de atletas na cidade. Lores destacou que Pontevedra se consolidou firmemente como a “cidade do deporte”, sendo a localidade coa maior porcentaxe de veciños que realizan algunha práctica deportiva varias veces á semana grazas á forza do seu tecido asociativo.

O rexedor valorou o importante papel da Gimnástica, cualificándoo como un dos poucos clubs galegos situados na elite do Estado español —atropando un espazo estable entre os oito mellores clubs de España—. O rexedor achegou o dato de que a entidade move a diario a unhas 400 persoas (200 nas categorías de base e outras 200 no ámbito máis profesional).

“Préstanos visibilizar a potencia deportiva que temos en tódolos deportes”, suliñou Lores, apuntando que as actividades ao aire libre na rúa animan aos máis mozos a integrarse na práctica do atletismo.

O alcalde rematou lembrando o papel do centro de planificación deportiva da cidade e a celebración de grandes eventos internacionais como piares que fan de Pontevedra un referente internacional, polo que convidou a toda a veciñanza a apoiar este sábado o gran nivel dos competidores na Ferraría.

Está pasando!