Presentación do Salvaterra Urban Fest | Concello de Salvaterra de Miño

O parque de A Canuda acollerá a primeira edición do Salvaterra Urban Fest, un gran encontro internacional de cultura urbana

2 Setembro 2026

O parque de A Canuda será o escenario dunha xornada dedicada ao break dance e ao graffiti, con participantes e artistas de proxección nacional e internacional


Salvaterra de Miño acollerá o vindeiro domingo 13 de setembro e por primeira vez o Salvaterra Urban Fest, un novo evento dedicado á cultura urbana que terá como escenario o parque de A Canuda e que reunirá durante unha xornada a destacados profesionais do break dance e do graffiti.

A programación desta primeira edición terá como actividade principal o North Breaking, un campionato internacional de break dance en formato 1 vs. 1, no que se darán cita bailaríns profesionais de diferentes nacionalidades para enfrontarse nunha competición que promete ofrecer ao público un espectáculo de gran nivel.

O xurado estará composto por tres figuras de recoñecido prestixio dentro da disciplina. Desde Estados Unidos chegará Bboy Brahim, recentemente protagonista dunha batalla considerada lendaria entre Estados Unidos e Francia. Cunha longa traxectoria no breaking e no mundo da danza, Brahim formou parte tamén do elenco de bailaríns de Madonna, ademais de desenvolver unha carreira como actor en películas e anuncios e como modelo.

O segundo membro do xurado internacional será Bboy Becon, que chegará directamente desde Venezuela. Co ritmo e a enerxía como sinais de identidade, Becon conta cunha ampla proxección internacional dentro da cultura do breaking e achegará ao campionato a súa experiencia e coñecementos.

Completando o xurado estará Dry Bones, representante de España e integrante das crews Black Shadows Crew e Cross Agressive. O seu estilo caracterízase especialmente pola facilidade e precisión coa que executa movementos acrobáticos, converténdose nun dos referentes da escena nacional.

A competición contará tamén coa presenza de Bboy Kawa como speaker. Cunha longa traxectoria profesional e experiencia na presentación dos principais eventos nacionais e internacionais, será o encargado de conducir as batallas e contribuír a crear a atmosfera e a enerxía necesarias para que o público poida vivir e vibrar con cada momento do campionato.

A programación do Salvaterra Urban Fest irá máis alá da competición. Na mañá do domingo celebraranse talleres gratuítos de breaking dirixidos a nenos e nenas que queiran iniciarse nesta cultura urbana. Esta actividade pretende achegar o break dance ás novas xeracións dun xeito participativo e divertido, ofrecendo a oportunidade de coñecer de primeira man os fundamentos desta disciplina e os valores asociados á cultura urbana.

Durante toda a xornada tamén se poderá desfrutar dunha exhibición de graffiti realizada por Pow & CIA, considerados entre os artistas máis destacados do panorama actual.

A intervención artística permanecerá exposta durante todo o mes, polo que o traballo realizado durante o festival poderá ser contemplado posteriormente polos veciños, visitantes e todas aquelas persoas que se acheguen ao parque de A Canuda.

Con esta primeira edición do Salvaterra Urban Fest, Salvaterra de Miño aposta por incorporar ao seu calendario un evento que combina competición, espectáculo, formación e arte urbana, creando un espazo de encontro arredor da cultura urbana e achegándoa a públicos de todas as idades.

Está pasando!