Presentación da 2ª Proba da Liga de Escalada de Promoción | Concello de Pontevedra

A 2ª Proba da Liga de Escalada de Promoción celebrarase este domingo no pavillón da Xunqueira

7 Maio 2026

  • A competición, na modalidade de dificultade, reunirá a un centenar de mozos e mozas de entre 8 e 16 anos
  • A organización destaca que o 55% das participantes son nenas, un fito importante para frear o abandono deportivo feminino na adolescencia

O vindeiro domingo 10 de maio, o pavillón multiusos da Xunqueira converterase no epicentro da escalada base ao acoller a segunda proba da Liga de Escalada de Promoción, organizada polo Club Aromón en colaboración co Concello de Pontevedra. A cita foi presentada en rolda de prensa pola edil de Deportes, Anabel Gulías, xunto a representantes do club pontevedrés.

Na súa intervención, Gulías celebrou a consolidación do Club Aromón, ao que cualificou de “referente en Pontevedra”, e puxo en valor o crecemento continuo deste deporte na cidade grazas ao traballo de promoción levado a cabo dende as escolas deportivas e o propio club. A concelleira quixo facer un especial recoñecemento ao firme compromiso da entidade con “valores feministas”, eloxiando iniciativas coma a escalada polo Día da Muller e o seu esforzo xeral pola promoción do deporte feminino con perspectiva e ética.

Pola súa banda, dende a directiva do Club Aromón agradeceron o apoio constante do Concello de Pontevedra —ao que definen como o seu “maior valedor”—, así como o resto de patrocinadores institucionais e privados. Os organizadores lembraron que levan máis de 30 anos sacándolle rendemento ao rocódromo do pavillón da Xunqueira, á vez que traballan coa ilusión do proxecto futuro de construír unha instalación máis grande e nova que poida chegar a acoller competicións internacionais.

Alta participación e protagonismo feminino

A directora da proba, Águeda Gutiérrez, foi a encargada de dar os detalles técnicos desta xornada de escalada. O evento contará con 100 nenos e nenas participantes de idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos, un éxito de convocatoria que converte ao Aromón no segundo club con maior participación de Galicia nesta proba. A maioría dos inscritos proveñen das escolas municipais e catro deles xa forman parte do equipo de tecnificación da Federación Galega de Montañismo.

Gutiérrez destacou ademais un dato moi relevante e motivo de orgullo para o club: o 55% das persoas inscritas son rapazas. “É un orgullo telo porque a verdade é que é complicado, sabendo que na adolescencia é cando as nenas máis abandonan o deporte”, explicou a directora, incidindo na importancia de manter estas cifras en categorías como alevín e infantil.

Horarios da xornada

A competición ofrecerá unha xornada continua de espectáculo visual que arrancará ás 9:30 da mañá e estenderase ata as 18:30 horas. Seguindo a exitosa fórmula da edición pasada, as categorías dos máis pequenos (prebenxamíns e benxamíns) disputarán tanto as súas fases previas coma as finais durante a quenda de mañá, concluíndo a súa participación ás 14:00 horas.

Ao mediodía farase un descanso que a organización aproveitará para modificar as vías do rocódromo de cara ás finais, deixando a quenda de tarde en exclusiva para as categorías alevín, infantil e cadete.

Está pasando!