O talento será o protagonista na I Mostra Creativa do Baixo Miño

20 Xullo 2021

O Concello da Guarda e Acontravento, marca de roupa local, presentan a I Mostra Creativa do Baixo Miño, que se celebrará o día 31 de xullo na Praza de Avelino Vicente (As de Copas). No evento participarán persoas deseñadoras, marcas e artesáns da nosa comarca.

Esta iniciativa pretende impulsar e dar visibilidade a gran cantidade de marcas e talentos creativos que hai na localidade da Guarda, pero tamén en todo o Baixo Miño.

A Mostra ten como obxectivos o apoio do talento creador da comarca e o fomento do consumo responsable e de proximidade, ao mesmo tempo que se propicia un lugar de encontro que permita a cooperación e colaboración entre as persoas responsables dos diferentes proxectos que participen na Mostra.

Daniel Macua, responsable de Acontravento, explicou que “O obxectivo é visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión. Gustaríanos que esta iniciativa poida consolidarse coma un evento de periodicidade anual e de referencia onde mostrar o gran talento que temos no Baixo Miño. Invitamos a todas aquelas interesadas en dar a coñecer o seu proxecto a escribirnos”

Fátima Rodríguez, Concelleira de Desenvolvemento Local, puxo o foco na “importancia de apoiar este tipo de iniciativas de cara non só aos/ás profesionais, senón tamén cara ao/á consumidor/a. Moitas destas persoas venden os seus produtos a través de Internet ou doutros negocios da nosa comarca, e estas iniciativas permítennos dar a coñecer os proxectos máis de cerca, quen está detrás e a súa historia, algo moi importante no fomento do consumo responsable e de proximidade.”

Poderán participar na mostra, de xeito gratuíto, todas aquelas persoas deseñadoras, marcas ou artesáns que teñan a súa sede social no Baixo Miño.

A convocatoria de solicitude de participación estará aberta ata o xoves 29 de xullo, e para facela efectiva deberá enviarse por correo electrónico a ficha de inscrición, fotografías e o logotipo do proxecto ao enderezo info@acontravento.gal

Consulta as bases e ficha de inscrición aquí.


Está pasando!