As artistas Carolina Smith e Drag Manola dinamizarán o espazo ‘Micro aberto’

Os Xardíns da Xunqueira acollerán a celebración do Orgullo 2026 en Redondela

17 Xuño 2026

  • A cita, organizada xunto aos ‘Axentes do Cambio’, terá lugar este venres 19 de xuño a partir das 19:00 horas e contará con micro aberto, drag queens, música e obradoiros.
  • A alcaldesa, Digna Rivas, sinala a importancia de seguir impulsando estas xornadas: “Non imos dar nin un só paso atrás na defensa dos dereitos e das liberdades de todas as persoas, independentemente de a quen amen ou como se sintan”.

O Concello de Redondela súmase un ano máis ás celebracións polo Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+ cun programa deseñado para todos os públicos. As actividades concentraranse este venres 19 de xuño nos xardíns traseiros do Multiúsos da Xunqueira, arrancando de forma oficial ás 19:00 horas cun acto institucional e lúdico.

Esta edición destaca polo papel activo da mocidade do municipio, xa que o evento conta coa colaboración directa do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia ‘Axentes do Cambio’. O obxectivo principal é visibilizar a diversidade, promover o respecto e consolidar a Redondela como un municipio libre e acolledor para todas as persoas.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou a importancia de seguir impulsando estas xornadas dende as institucións públicas: “Redondela demostra ano tras ano que é unha vila aberta, tolerante e profundamente orgullosa da súa diversidade. Non imos dar nin un só paso atrás na defensa dos dereitos e das liberdades de todas as persoas, independentemente de a quen amen ou como se sintan”.

A concelleira de Igualdade e Infancia e Xuventude salientou o traballo da mocidade na organización do evento: “É un orgullo ver aos mozos e mozas implicados a través do consello ‘Axentes do Cambio’. Son unha xeración solidaria, crítica e sen prexuízos”.

Programación do Orgullo Redondela 2026

O público asistente poderá gozar dun amplo abano de actividades gratuítas durante a tarde-noite do venres a partir das 19.00 horas coa lectura do manifesto para reivindicar os dereitos LGTBIQA+.

Haberá un ‘micro aberto’, espazo dinamizado polas artistas Carolina Smith e Drag Manola, e tamén obradoiros creativos con maquillaxe e elaboración de chapas conmemorativas. Para os máis pequenos instalarase un inchable, ademais de contar con animación e música durante todo o evento.

Dende o goberno local convídase a toda a veciñanza, colectivos e visitantes a participar activamente nesta xornada de convivencia, festa e orgullo.

Está pasando!