Presentación de Sete Falares 2026 | Concello de Pontevedra

Pontevedra acolle unha nova edición do Sete Falares, que este ano reúne a 11 narradores e inclúe unha peza teatral na súa programación

2 Xuño 2026

  • O encontro botará a andar o domingo 7 ás 20.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura co espectáculo “Apaga o candil” de Contraproducións. Este será o único espectáculo de pago e activará a venda de entradas o martes 2 de xuño a partir das 10.00 horas en Ataquilla.com
  • Ángeles Goás (Galiza), Cris de Caldas (Galiza), Celso F. Sanmartín (Galiza), Borrón y cuento nuevo (Madrid), Benita Prieto (Brasil), Valter Peres (Portugal – Os Açores), Aldo Méndez (Cuba), Carlos Rebolo (Galiza), Avelino González (Galiza), Toni Salgado (Galiza) e Pavís Pavós (Galiza) encherán de historias a cidade durante unha semana.
  • O Pazo da Cultura, a Residencia de Maiores de Campolongo, o paraninfo do IES Valle Inclán, a Casa da Luz, os Xardíns de Marescot e o Liceo Casino serán os escenarios escollidos nesta edición.
  • O Vieiro de historias por Pontevedra do sábado 13, contará con 4 quendas para 50 persoas cada unha e precisa de retirada de convites a partir das 20.30 no edificio do Concello situado en Michelena, 30. As restantes actividades, serán de entrada libre ata completar cabida.

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou, acompañado de Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez de Pavís Pavós, coordinadores do festival, unha nova edición de Sete Falares, que terá lugar entre o 7 e o 14 de xuño.

Este Encontro Internacional de Contadores de Historias, que botou a andar en 2012, empregará desta volta novos espazos da cidade, convertidos en escenario para as voces chegadas de Galiza, Cuba, Brasil ou Portugal entre outros lugares,

Durante a presentación do evento, o edil de Cultura destacou que “este festival permite gozar da cidade como unha verdadeira festa da palabra” e reivindicou a narración oral non como unha arte menor, senón como a “primeira arte da narración, a máis antiga, capaz de conectarnos con temas e formas dun pasado moi lonxano. Esta edición será especialmente rica en matices lingüísticos, grazas aos diferentes “sotaques” do galego, do portugués e do español que traerán os relatores convidados”.

Pola súa banda, Xacobe lembrou que o “Sete Falares leva camiñando dende o ano 2012, traendo voces de todas as partes do mundo”. Malia os inconvenientes ocasionados polas obras no Teatro Principal, reinventámonos convertendo o problema nunha oportunidade para descubrir novas localizacións e facer que a cidade cheire a contos durante toda a semana. Amais, amosou agradecemento e ledicia porque a Asociación de Narradores Orais de Galicia (NOGA), fixera coincidir a súa asamblea anual co encontro, “consolidando Pontevedra como o lugar central da narración oral no país”.

O encontro contará coa participación de destacados narradores internacionais como Benita Prieto de Brasil, Aldo Méndez de Cuba e Valter Peres desde Portugal, concretamente dos Açores. Estas voces internacionais compartirán a programación con recoñecidos artistas galegos da talla de Ángeles Goás, Cris de Caldas e Celso F. Sanmartín, amais do colectivo madrileño Borrón y cuento nuevo.

Tareixa, responsable de debullar o programa, apuntou que o festival botará a andar o domingo 7 de xuño no Auditorio do Pazo da Cultura ás 20.30h. coa peza teatral “Apaga o candil” da compañía galega Contraproducións.

“É o único espectáculo de pago de todo o programa. As entradas estarán á venda a partir do martes 2 de xuño ás 10.00 horas en Ataquilla.com. O teatro é outra artes escénica na que a fala ten unha relevancia moi importante, pero non o fixemos por iso, senón porque esta obra vai sobre a vida de Carlos Díaz “o Xestal”, un humorista, contador de historias, popularizou a canción do mesmo nome, e foi unha figura moi comprometida socialmente naqueles tempos. Interpretada por Avelino González, outro contador que estivo con nós o ano pasado, e por Toni Salgado, E está dirixida por un grande contador que é Cándido Pazó”

A partir de aí, a narración oral estenderase por sedes tan diversas como o IES Valle Inclán, a Casa das Campás, a Residencia de Maiores de Campolongo, os Xardíns de Marescot, o Liceo Casino e a Casa da Luz.

Dentro da numerosa programación, Alonso destacou a levada a cabo na Residencia de Maiores de Campolongo que “conta cun acceso directo desde a rúa ao Salón de Actos. Unha das razóns pola que escollemos tamén esta espazo para a actuación de Celso Fernández Sanmartín o luns 8, é porque antes de ser contador e poeta, Celso traballou nunha residencia en Lalín, e foi alí, escoitando as historias dos maiores, onde naceu esa nova inquedanza”.

Tareixa puntualizou tamén a única actividade que precisa de retirada de convites no edificio de Michelena, 30 a partir das 20.30 horas do sábado 13: o Vieiro de historias por Pontevedra que terá lugar en 4 quendas de 50 persoas cada unha. Nesta actividade, o público poderá percorrer a cidade, visitando lugares emblemáticos mentres escoita relatos de varios dos contadores convidados, como Pavís Pavós ou o propio Aldo Méndez.

O encontro clausurarase o domingo 14 no Salón de actos do Pazo da Cultura, reunindo por última vez a gran parte do elenco internacional deste ano.

A organización que agradeceu a colaboración do Concello para sacar adiante este programa e tamén a todas as institucións que cederon espazos para as contadas, lembra que a programación vai dirixida a público adulto e que toda a información detallada, así como as actualizacións de última hora, poden consultarse na páxina web oficial.

Está pasando!