Presentación do DSG Forum 2024 | © Concello de Pontevedra

Pontevedra acollerá esta fin de semana o congreso máis importante do Estado dentro do sector da papelería

16 Abril 2024

  • O DSG Forum 2024 reunirá a máis de 1.500 profesionais en representación das marcas máis recoñecidas a nivel internacional como son BIC, Pilot ou Navigator
  • A organización do evento confirmou o cheo de todos os hoteis da Boa Vila, e amosaron a súa «enorme ilusión» por iniciar o congreso na nosa cidade

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías; o presidente do grupo DistriSantiago, Rafael Rey Díaz; e a responsábel de eventos, María Bardanca Muñiz; presentou esta mañá o DSG Forum 2024, que acollerá Pontevedra esta fin de semana, entre o 19 e o 20 de abril.

Esta cita pode ser definida coma o maior congreso do Estado dentro do sector da papelería, todo un referente para os profesionais aos que vai dirixida. «Estamos encantados de poder acoller esta feira por primeira vez e de que escollesen Pontevedra como sede neste 2024», indicou o rexedor. «Falamos dunha cita que contará con representantes de distintos países do mundo, non só España, senón que falamos de Alemaña, Portugal… Chega nun intre do que chegamos tempada baixa, o que beneficiará a todos os sectores económicos da nosa cidade».



Así, o DSG Forum logrará achegar máis de 1.500 persoas profesionais da papelería a través dun cento de expositores que se situarán no Recinto Feiral da Boa Vila, con máis de 160 marcas ensinando e presentando os seus produtos. Cómpre indicar que se trata dunha feira profesional, e non está aberta ao público como tal. «De novo, temos unha cita que pon a Pontevedra no mapa e que permite que moita xente coñeza a Boa Vila e goce da mesma, cousa que de seguro así será».

Pola súa banda, Rafael Rey quixo poñer sobre a mesa que a imposibilidade de facer este evento en de Compostela tal e como viña facéndose nos últimos anos, abriu a posibilidade de procurar novas localizacións, aparecendo Pontevedra cun «recinto extraordinario, unha cidade extraordinaria e un alcalde que nos está a tratar de marabilla».

«A xente moi ilusionada por vir. Estamos a recibir mensaxes de todo o mundo e contaremos con fabricantes de Alemaña, Italia ou Lituania», indicou Rey, que afondou nas cifras concretas dunha cita referente no sector: 1.563 participantes xa acreditados, 160 marcas e 10.369 produtos. «Temos todos os hoteis de Pontevedra cheos e tivemos que recorrer a outros da comarca, como Sanxenxo ou A Toxa, aos que tamén damos as grazas».

Está pasando!