Presentación da XXV Feira Franca | Concello de Pontevedra

A Feira Franca de Pontevedra celebra o seu 25º aniversario cunha viaxe no tempo polas tabernas e un gran espectáculo inaugural

26 Agosto 2026

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director artístico Pablo Méndez presentaron os detalles dunha edición especial que contará cunha ocupación hoteleira total e un show exclusivo de gran complexidade técnica


Pontevedra prepárase para revivir o seu esplendor medieval os vindeiros venres 4 e sábado 5 de setembro coa celebración da vixésimo quinta edición da Feira Franca. Trátase dun ano moi especial ao cumprirse un cuarto de século dunha festividade que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, definiu como unha gran “romería urbana” sostida sobre a activa e multitudinaria implicación cidadá.

O rexedor municipal subliñou que a Feira Franca é un evento masivo, de enorme importancia para Pontevedra e de gran calado entre a xente. “É unha festa para todos os pontevedreses, pero tamén para quen nos visitan”, afirmou Lores, quen lembrou que o nacemento da festa estivo ligado á posta en valor do dinamismo do centro histórico peonil.

A implicación social e comercial é histórica nesta edición: participarán máis de 100 establecementos de hostalería e haberá entre 160 e 164 espazos autorizados para comidas e ceas no espazo público. O mercado medieval contará con preto de 100 postos de artesanía e 47 de alimentación, distribuídos por un recinto que se amplía este ano cara á Alameda. A expectación é de tal magnitude que a ocupación hoteleira na comarca atópase ao 100 % (con reservas feitas desde hai catro meses).

O tema central deste 25º aniversario serán “As Tabernas”, destacadas polo alcalde como espazos de cohesión, relación social e unión comunitaria. Entre as principais novidades figura a recuperación da cervexa artesanal do convento de San Bieito (anterior ao ano 1467), unha iniciativa do actual párroco de Lérez que traerá de volta este produto á feira.

No eido organizativo, ante o peche do edificio principal, a planta baixa da Casa Consistorial converterase no hospital de campaña para o operativo especial sanitario, que contará con médicos, profesionais de enfermaría e ambulancias distribuídas de xeito estratéxico por todo o mapa da festa.

Presentación da XXV Feira Franca | Concello de Pontevedra

“ALDARA”: UN ESPECTÁCULO INAUGURAL ÚNICO E DESEÑADO EN EXCLUSIVA

O venres 4 de setembro ás 22:00 horas terá lugar o esperado espectáculo de inauguración a cargo da recoñecida compañía Pablo Méndez Performances. O seu fundador e director, Pablo Méndez, desvelou que a responsabilidade de conmemorar os 25 anos levounos a deseñar un show de gran complexidade técnica que requirirá iniciar a montaxe xa desde o luns previo, un esforzo loxístico sen precedentes para a compañía.

O espectáculo xirará en torno a Aldara, unha moza que asume as rendas da taberna da súa defunta nai en 1467. A través desta dramaturxia, búscase poñer en valor o papel histórico da muller como empresaria e motor da sociedade. Mentres agarda pola chegada do viño do Ribeiro para saldar as débedas cun recadador de impostos, Aldara compartirá co público as fantásticas historias que viaxeiros, trobadores e soldados contaron na súa taberna.

Méndez destacou que se trata dunha produción completamente exclusiva —desde o vestiario ata a dramaturxia e o deseño do escenario— deseñada especificamente para ese día. A montaxe mobilizará a un equipo de arredor de 100 persoas, incluíndo un elenco de 30 artistas chegados de diferentes puntos do Estado e de Europa, e a colaboración de máis de 20 empresas de iluminación, son e escenografía.

PROGRAMA DA XXV FEIRA FRANCA

programa da XXV Feira Franca, dispoñíbel en feirafranca.gal, inclúe todas as actividades con cadanseus horarios, ademais de contar cun mapa infográfico do centro histórico de Pontevedra e da distribución dos puntos de interese.

VENRES 4 DE SETEMBRO | XORNADA INAUGURAL

  • 19.00h. Pregoeiros a cabalo anuncian o comezo da XXV edición da Feira Franca polo Centro Histórico.
  • 22.00h. Espectáculo inaugural da Feira Franca: ‘As Tabernas’. Compañía Pablo Méndez Performance. Praza da Ferraría.

SÁBADO 5 DE SETEMBRO | DÍA DA FEIRA FRANCA

  • 11.00h. Desembarco na ponte do Burgo da cervexa do Ollo Redondo.
  • 11.30h. Apertura do mercado medieval (avda. de Santa María) e da mostra de oficios (prazas da Ferraría, da Pedreira e do Peirao).
  • 12.00h. Recreación do transporte do viño. Asoc. Recriativa de Xeve, A Xanela do Maxín, Troula, Duos Pontes; con música e representacións. Percorrido: rúas de Santa Clara, Sarmiento, Pasantaría, praza da Ferraría e remate na praza da Peregrina.
  • 12.30h. Cantar de cego e música medieval. Foula, Centro Histórico.
  • 12.30h. Demostración e obradoiros de esgrima. Escola Hungaresa, Montero Ríos.
  • 13.00h. ‘As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce’. Grupo Adarve, Centro Histórico.
  • 13.00h. Tiro con arco. Boa Vila, Montero Ríos.
  • 17.00h. Demostración e obradoiros de esgrima. Escola Hungaresa, Montero Ríos.
  • 17.30 h. Gran torneo medieval. Hípica Celta, praza de touros. Entrada de balde ata completar capacidade, portas 2, 3 e 6.
  • 17.30h. Pasarrúas Os Vikingos do Valhalla. Compañía La Fiesta Escénica, Centro Histórico.
  • 18.00h. Cantar de cego e música medieval. Foula, Centro Histórico.
  • 18.00h. ‘A galiña dos ovos de ouro’. Art Monium.
  • 18.00h. ‘Os bufóns e trobadores’. Troula.
  • 18.00h. Música e bailes medievais. Asociación de Coros e Danzas Duos Pontes, Peregrina.
  • 18.30h. Tiro con arco. Boa Vila, Montero Ríos.
  • 18.30h. ‘As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce’. Grupo Adarve, Centro Histórico.
  • 19.00h. Pasarrúas Os Vikingos do Valhalla. La Fiesta Escénica, Centro Histórico.
  • 19.00h. Contacontos a Corsaria Lola. Pedreira.
  • 19.30h. Pasarrúas: Art Monium e O Gran Dragón. Centro Histórico.
  • 20.00h. Gran torneo medieval. Hípica Celta, praza de touros. Entrada de balde ata completar capacidade, portas 2, 3 e 6.
  • 20.00 h. ‘As Lendas do Camiño do Bruxo do Lerce’. Grupo Adarve, Centro Histórico.
  • 21.00h. Cantar de cego e música medieval.
  • 21.30h. Pasarrúas: Os Vikingos do Valhalla, Errantes e A Santa Compaña. Centro Histórico.
Está pasando!