Fragmento da obra ‘Para un bico non fai falla director’ (1991) | Manuel Moldes

A Fundación Manuel Moldes presenta o catálogo da exposición ‘Bicos de cine’

22 Abril 2026

Os ‘Bicos de cine’ de Manuel Moldes son unha serie de 25 estampas nas que o pintor pontevedrés deu renda solta á súa paixón pola sétima arte, homenaxeando ó cinema.

Realizadas para as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (XOCIVIGA) do Carballiño de 1991, pertencen actualmente á colección da Filmoteca de Galicia.

A última vez que se puideron ver en público foi en Madrid no 2007, pero hai que retrotraerse ata 1992 para lembrar la anterior ocasión en que estiveron en Pontevedra.

Así, aproveitando o pulo cinematográfico que vive a cidade, o pasado 3 de decembro de 2025 inaugurouse unha nova mostra dos ‘Bicos de cine’, coincidindo ademais co oitavo cabodano de Manuel Moldes, e que aínda pode desfrutarse ata o 30 de abril (inclusive).

Agora, para que estas obras poidan seguir accesibles para a sociedade e participar do divertido xogo de adiviñar películas que propón Moldes, a Fundación presenta o catálogo da exposición.

O evento contará coa presenza de Ramón Rozas, comisario desta nova mostra de ‘Bicos de cine’, e Suso Novás, director artístico do festival Novos Cinemas.

A presentación do catálogo terá lugar este venres 24 de abril ás 19:30 na sede da Fundación Manuel Moldes en Pontevedra (r/ Benito Corbal 47, 8º andar, entrada por r/ Javier Puig 3).

Entrada libre e de balde.

‘Para un bico non fai falla director’ (1991) | Manuel Moldes
Está pasando!