Xornada inaugural do Día de Colón 2026 | Concello de Poio

Rúas engalanadas, ambiente medieval e moita animación para render homenaxe a Cristóbal Colón en Combarro

23 Maio 2026

  • A chegada de Cristóbal Colón e da súa tripulación sobre a nao Santa María deron o pistoletazo de saída a dous días de festa nas que non só se defende a procedencia galega do navegante, senón que se aposta por unha programación variada, atractiva e de calidade para toda a familia coa que encher de vida as rúas nunha aposta clara pola dinamización socioeconómica do municipio.
  • Ángel Moldes: “Xa podemos comprobar o impacto positivo da celebración, con establecementos completos”.
  • Destaca que cada ano son máis os colectivos e veciños que se implican: “é fundamental para o éxito da festa”.

Xornada inaugural do Día de Colón 2026 | Concello de Poio

O Día de Colón ofrece durante dous días unha programación variada e pensada para toda a familia, coa que non só se reivindica a teoría da orixe galega do navegante, senón que tamén se impulsa a dinamización social e económica do municipio.

Aínda que o mercado artesanal na Praza da Chousa comezou ás 17.00 horas, non foi ata as 19.30 horas coa chegada da Nao Santa María con Cristóbal Colón e a súa tripulación cando o auténtico ambiente medieval encheu cada rúa de Combarro, acompañados de músicos e moita animación.

Mundo Nores, fundador de Vides Novas e unha das persoas que participaron e se implicaron desde os inicios da celebración do Día de Colón, foi o encargado de dar lectura ao pregón, ao que continuaron bailes medievais da asociación Leucoíña, unha das agrupacións organizadoras do Día de Colón, xunto con Combrus, Vides Novas e o Concello de Poio, exhibición de cetrería e o espectáculo de lume.

O alcalde, Ángel Moldes, que participou no arranque da festa, subliñou que para Combarro e para Poio contar cun evento destas características supón unha oportunidade e un retorno económico e social moi importante. Ademais, presumiu de ser “a edición do Día de Colón máis participativa que se recorda desde os seus inicios” e puxo en valor que este ano “contamos con dúas embarcacións que acompañan a chegada de Colón, facendo da celebración un evento aínda máis especial. Cada ano son máis os colectivos que participan nas actuacións, nos postos de comida e nas exposicións, e iso é fundamental para o éxito da festa”.

Xornada inaugural do Día de Colón 2026 | Concello de Poio

Neste senso, sinala que “o Día de Colón busca defender a teoría do Colón galego e, ao mesmo tempo, fomentar a participación e o desenvolvemento socioeconómico do evento. Xa podemos comprobar o impacto positivo da celebración, con establecementos completos tanto para comidas como para ceas durante o sábado. Queremos que sexa unha festa distinta, temática e pensada para que a xente disfrute de Poio, de Combarro e de todas as actividades programadas”.

A festa continúa hoxe, sábado, cunha xornada moi completa de actividades e propostas para todas as idades, pensadas para disfrute de grandes e pequenos. Desde as 11.00 horas, a Praza da Chousa acollerá obradoiros demostrativos de canteiros, cesteiras, palilleiras e redeiras, ademais de clases de esgrima medieval e mercado artesanal. Na Praia do Padrón desenvolveranse exhibicións e obradoiros de tiro con arco.

Ao longo de toda a xornada, diferentes grupos e artistas percorrerán as rúas con música e animación, entre eles Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio, Os Mendigos, As Pandereiteiras do Ronsel, Os Queimatasas e Os Vikingos. Tamén haberá bailes medievais coa Asociación Leucoíña e teatro itinerante con Moura Teatro.

A Festa dos Meninos, con zona infantil, comezará ás 11.30 horas. Durante a mañá tamén haberá exhibicións de esgrima histórica, cetrería e combate medieval.

Xa pola tarde continuará o tiro con arco na Praia do Padrón, mentres que na Praza da Chousa o Grupo de Carnaval Samieira organizará xogos tradicionais como carreiras de barrís e de sacos ou lanzamento de alpacas.

Tras unha nova exhibición de cetrería e esgrima medieval, ás 18.30 horas dará comezo a Xusta Medieval, unha das citas máis esperadas da programación, que este ano se celebrará no Paseo das Redeiras.

A programación completarase co concerto de Os Mendigos, ás 20.00 horas, e coa animación musical do DJ Pedro Campos a partir das 21.15 horas.

Está pasando!