Grobas b2b Viktor Flores | SENDA Festival

SENDA regresa a Pontevedra con tres días e un único espazo para explorar a música electrónica en todas as súas formas

27 Agosto 2026

O festival consolídase como un punto de encontro arredor da música electrónica, cunha programación aberta a diferentes sensibilidades, xeracións e formas de vivir a cultura contemporánea


SENDA regresa a Pontevedra os días 28, 29 e 30 de agosto para celebrar unha nova edición dun festival que aposta por achegar a música electrónica a públicos diversos e por crear un espazo de encontro arredor da música, a natureza e a convivencia.

Despois da boa acollida da pasada edición, o festival organizado polo Concello de Pontevedra e Certain Music Events afronta este ano unha nova convocatoria mantendo a súa vontade de construír un evento aberto, diverso, inclusivo e respectuoso, no que diferentes xeracións e sensibilidades poidan compartir un mesmo espazo.

A programación, de carácter gratuíto, reúne artistas de diferentes procedencias e propostas dentro da música electrónica, desde novas xeracións de selectors ata nomes cunha longa traxectoria na escena internacional.

O festival desenvolverase novamente á beira do río Lérez, nun contorno que forma parte esencial da identidade de SENDA e que permite propoñer unha experiencia diferente aos formatos habituais asociados á música electrónica. A relación co espazo natural, o respecto polo entorno e a vontade de favorecer unha convivencia coidadosa entre público, artistas e territorio forman parte dos principios sobre os que se constrúe o proxecto.

TRES DÍAS, TRES PROPOSTAS

A programación distribúese ao longo de tres xornadas con identidades diferenciadas.

  • O venres 28 de agosto estará marcado por unha selección centrada en selectors que transitan a amplitude da música electrónica contemporánea, con percorridos que conectan techno, house, dub e outras linguaxes da pista. A xornada contará con Laia, Margott, Occy, Zarco e Kaesar.
  • O sábado 29 de agosto ampliará o espectro cara a diferentes formas da música de baile, con presenza de house, disco ou acid. A programación estará encabezada polo lituano Manfredas, unha das figuras fundamentais da escena de Vilnius e residente e programador de Opium Club, xunto a Javi Redondo, Sama Yax b2b Rafa Santos, Grobas b2b Viktor Flores, Lebollet ou LDM Synth Community.
  • O domingo 30 de agosto estará dedicado ao concepto Certain Club, unha extensión do espírito das sesións de club que o selo discográfico e promotora de Pontevedra desenvolve ao longo do ano e que trasladará ao festival unha proposta máis próxima á experiencia de club, tanto pola selección musical como pola relación entre artistas e público. Door b2b Pablo Ruiz Galán, Arque b2b Certain People, Emi Koto b2b Luska e os italianos Voodoos & Taboos completan o cartaz desta xornada. Estes últimos están a construír unha identidade propia dentro da escena house e techno underground europea.

UN FESTIVAL ABERTO E PRÓXIMO

SENDA nace coa vontade de crear un espazo no que a música electrónica poida ser vivida desde diferentes perspectivas. A programación non responde a unha única escena nin a un único estilo, senón que busca establecer conexións entre artistas, públicos e formas diversas de entender a música.

Esta vontade de apertura esténdese tamén ao público. SENDA está pensado como un encontro interxeracional e accesible, no que poden convivir persoas con diferentes graos de relación coa música electrónica, desde seguidores habituais da escena ata persoas que se achegan por primeira vez a este tipo de propostas.

O respecto, a diversidade e a convivencia son parte fundamental da identidade do festival, que aposta por un ambiente coidado e por unha relación responsable co espazo no que se desenvolve.

Coa súa segunda edición, SENDA busca continuar consolidándose como unha proposta cultural singular dentro do calendario estival de Pontevedra, achegando á cidade unha programación electrónica diversa e conectada co territorio.

Está pasando!