Rosana Martínez Boullosa y Rosana Comesaña presentando A Orghullosa | Concello de Soutomaior

Soutomaior celebra unha nova edición da Orghullosa, a terceira festa das identidades diversas e disidentes

15 Xuño 2026

O programa inclúe actividades culturais, obradoiros, música, unha andaina interpretativa e unha gran Festa Holi para reivindicar a diversidade e os dereitos LGTBIQ+.


O Concello de Soutomaior volverá converterse nun espazo de celebración, visibilización e reivindicación coa chegada dunha nova edición da Orghullosa, que este ano alcanza a súa terceira edición consolidándose como a festa das identidades diversas e disidentes do concello.

A programación combina actividades culturais, participación veciñal, propostas para todos os públicos e accións de sensibilización co obxectivo de continuar construíndo espazos máis inclusivos, diversos e seguros.

Rosana Martínez Boullosa sinalou que “desde o Concello seguimos traballando para que Soutomaior sexa un lugar seguro para todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero. A diversidade é unha riqueza que nos fai mellores como sociedade e temos a responsabilidade de visibilizala e defendela”.

Unha das iniciativas destacadas desta edición volve a ser a campaña “Fiestras Orgullosas”, mediante a cal o Concello pon a disposición das persoas empadroadas bandeiras do orgullo LGTBIQ+ para decorar fiestras e balcóns dos seus fogares. As bandeiras poderán recollerse no Centro de Benestar Integrado (CIM) e nas dependencias municipais ata finalizar existencias, promovendo así unha visibilización colectiva do orgullo e da diversidade no espazo público.

Tamén o propio Centro de Benestar Integrado contará cunha iluminación especial, sumándose á celebración e convertendo as dependencias da administración local nun símbolo de apoio ás identidades diversas.

CULTURA, MEMORIA E REFLEXIÓN

A Orghullosa abrirá espazos para o diálogo e a reflexión coa participación do escritor e filólogo Carlos Callón, o venres 26 de xuño, quen manterá unha conversa arredor do seu libro ‘Vida e historia LGBT da Idade Media’. O encontro, previsto para as 20.30 horas na Carballeira, permitirá achegarse á evolución da diversidade afectivo-sexual e de xénero en Galicia ao longo da Idade Media, desmontando moitos dos prexuízos existentes sobre este período histórico. A entrada será gratuíta ata completar o aforo.

NATUREZA, PATRIMONIO E DIVERSIDADE

A programación tamén inclúe a andaina “Caritaina. Historia e Paisaxe” o sábado 27 de xuño, unha ruta circular de aproximadamente oito quilómetros e dificultade media que partirá ás 10.00 horas do peirao de Arcade. O percorrido permitirá descubrir espazos de grande valor natural e histórico, atravesando Pontesampaio e chegando ao miradoiro da Caritaina, cunhas privilexiadas vistas sobre a ría de Vigo.

As inscricións para participar nesta actividade estarán abertas do 15 ao 22 de xuño e ofertaranse un total de 50 prazas.

MÚSICA, TRADICIÓN E ACTIVIDADES PARA TODA A FAMILIA

A xornada do 27 de xuño tamén contará coa lectura do pregón a cargo de Alicia Arruti, ás 13.30 horas na Carballeira, e cunha sesión vermú protagonizada por O Rabelo e Nenaza, que mesturarán música tradicional, tecno e reguetón.

A Carballeira de Arcade acollerá, un ano máis, o Mari Picnic, unha proposta participativa na que se anima á veciñanza a compartir comida, música e convivencia.

A creatividade terá un papel protagonista cos distintos laboratorios da diversidade. Así, desenvolverase un obradoiro de bordado no que as persoas participantes personalizarán fundas para móbil inspiradas nos símbolos do orgullo LGTBIQ+, así como un taller de creación de broches de arxila. As inscricións para ambas actividades estarán abertas do 15 ao 22 de xuño e as prazas serán limitadas.

Ás 19.00 horas, a narradora Cris de Caldas ofrecerá unha sesión de contacontos diversos dirixida ao público familiar, mentres que ás 20.00 horas terá lugar o laboratorio “Bailando en liberdade”, impartido por Marcelo Dobode, unha proposta para gozar das danzas tradicionais desde a libre expresión e a celebración da diversidade.

A programación da tarde continuará ás 21.00 horas na Carballeira coa actuación de Ashyllei Ferraro, Miss Gay Brasil 2005, que ofrecerá un espectáculo cheo de música, cor e reivindicación. O show, deste veciño do concello, converterase nun dos momentos máis destacados desta terceira edición da Orghullosa.
Unha explosión de cor para pechar a festa.

A terceira edición da Orghullosa culminará ás 21.30 horas coa Festa Holi Diversa, na Carballeira. Miles de cores encherán Soutomaior nunha celebración colectiva do orgullo, acompañada por música en directo cun DJ e coa entrega de bolsas que incluirán camiseta, polvos holi biodegradables e pintura facial arco da vella.

A concelleira Martínez Boullosa destacou que a Orghullosa “é moito máis que unha programación festiva; é unha ferramenta de visibilización, convivencia e defensa dos dereitos das persoas LGTBIQ+, que contribúe a facer de Soutomaior un municipio máis libre, diverso e respectuoso”.

Programa completo e inscricións nas actividades a través das canles oficiais do Concello de Soutomaior en www.soutomaior.gal

Está pasando!