Presentación da Noite de San Xoán 2026 | Concello de Soutomaior

Soutomaior celebrará a Noite de San Xoán con actividades familiares, música en directo, espectáculos de rúa e unha fogueira inclusiva

15 Xuño 2026

O Concello dará a benvida ao verán o vindeiro 23 de xuño con música, espectáculos de rúa, actividades familiares e unha sardiñada e churrascada a prezos populares


O Concello de Soutomaior celebrará un ano máis a Noite de San Xoán cunha completa programación pensada para todas as idades, na que non faltarán as actividades familiares, a música en directo, os espectáculos de rúa e a tradicional fogueira.

A programación comezará ás 19:30 horas co xogo en familia “Consegue as túas herbas de San Xoán”, unha actividade dirixida ao público xeral e familiar que permitirá achegar á veciñanza ás tradicións vinculadas a esta noite máxica.

A partir das 21:00 horas terá lugar a tradicional sardiñada e churrascada a prezos populares e, ás 22:00 horas, arrancará o primeiro pase do concerto do grupo Tanto Nos Ten, que volverá subir ao escenario ás 00:15 horas.

Ás 23:00 horas será a quenda do espectáculo de rúa “Subumbra”, da compañía Troula, unha proposta para todos os públicos que encherá de luz e animación a noite de San Xoán.

O momento máis agardado chegará ás 00:00 horas co acendido da fogueira e o tradicional salto do lume. Unha fogueira adaptada e inclusiva para que todas as persoas poidan participar desta celebración en igualdade de condicións.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “o San Xoán é unha das citas máis especiais do calendario festivo do noso concello e queremos que sexa unha celebración aberta, participativa e pensada para toda a veciñanza”.

O rexedor subliñou ademais que “seguimos apostando por unhas festas accesibles e inclusivas, nas que todas as persoas poidan desfrutar das nosas tradicións”.

Pola súa banda, o concelleiro de Festas, Gonzalo Outeiro, salientou que “preparamos unha programación variada que combina tradición, música e actividades para as familias, convertendo esta noite nun punto de encontro para veciñas, veciños e visitantes”. Ademais, animou a toda a cidadanía a participar “nunha das noites máis especiais do ano e no arranque dun verán que será moi intenso en Soutomaior”.

Con esta celebración, o Concello dará inicio á programación de “Moito Verán. Soutomaior é moito”, unha ampla oferta de actividades culturais e de lecer que se desenvolverá durante os próximos meses.

Está pasando!