Teresa Fernández-Valdés e Miguel Anxo Fernández Lores | © Concello de Pontevedra

Teresa Fernández-Valdés será a pregoeira das Festas da Peregrina

17 Xullo 2024

A guionista e produtora pontevedresa será a encargada de abrir a Semana Grande das Festas o vindeiro sábado, 10 de agosto, ás 12.00 horas, desde a balconada da Casa Consistorial


A guionista e produtora Teresa Fernández-Valdés será a pregoeira das Festas da Peregrina. Así o fixo público esta mañá o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Festas, Demetrio Gómez.

A pontevedresa é internacionalmente coñecida pola súa vinculación coa produtora Bambú Producciones proxecto no que impulsou máis de 35 series para televisión, entre elas ‘Desaparecida’, ‘Hispania’, ‘Velvet’, ‘Gran hotel’, ‘Un asunto privado’ ou ‘Fariña’, ademais de películas e documentais.

Logo de sementar e colleitar éxitos ao longo do mundo, a Fernández-Valdés deixou Bambú Producciones para emprender un camiño de seu, baixo unha nova compañía chamada Te espero en Marte. Doutra banda, cómpre sinalar que no ano 2016 a revista The Hollywood Reporter elevouna como unha das 20 mulleres máis influíntes da industria televisiva no mundo.

«Este ano a pregoeira vai ser Teresa Fernández-Valdés. É unha muller que non precisa presentación como tal; é unha persoa moi coñecida, moi querida e será unha pregoeira estupenda», explicou o alcalde. «Teresa é coñecida pola súa faceta empresarial, facendo series de primeiro nivel internacional, e que hai uns meses comezou un novo camiño coa súa nova produtora. Agardamos que lle vaia xenial e que siga escollendo Pontevedra como escenario de rodaxe».

Pola súa banda, Fernández-Valdés amosou a súa ledicia e ilusión por ser escollida como pregoeira «aínda que sempre impoña moito selo na túa terra». «Quero devolver o agarimo recibido durante a miña xuventude nesta cidade», sinalou. «A Peregrina sempre foi unha cita imperdíbel para min e todo o que son hoxe en día proxectouse desde Pontevedra».

«Estou realmente feliz de vir celebrar as festas con toda a veciñanza», indicou. «Desde que podo saír, ou desde que tentaba que me deixasen, gocei nas Festas da Peregrina. Teño verdadeira ilusión».

Está pasando!