Presentación do San Xoán 2026 | Concello de Poio

Un cartel musical de primeiro nivel, tradición e actividades para toda a familia centran a programación do San Xoán 2026 en Poio

11 Xuño 2026

  • Ángel Moldes: “Traballamos para que o San Xoán siga espertando orgullo entre os veciños e veciñas do concello”.
  • As festas celebraranse do 22 ao 27 de xuño, inclúe sardiñada, fogueiras, festa infantil e contarán coa participación de grandes orquestras e agrupacións locais.

O Concello de Poio presentou este xoves a programación das festas de San Xoán 2026, que se celebrarán do 22 ao 27 de xuño cun cartel de primeiro nivel encabezado por Os Satélites, Ritmo Xove, Charleston, Marbella, Panorama, Capitol e Kubo, ademais dunha ampla programación cultural, tradicional e familiar pensada para todos os públicos.

No acto, xunto co alcalde Ángel Moldes, participaron tamén os concelleiros de Festexos, Fran Dasilva, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, así como representantes das agrupacións e colectivos locais que colaboran na programación, poñendo de manifesto o importante papel que desempeña o tecido asociativo na celebración dunha das festas máis emblemáticas do municipio.

Durante a presentación, Ángel Moldes destacou que o San Xoán forma parte da identidade de Poio e subliñou a aposta do Goberno municipal por ofrecer unha programación de calidade que combine tradición, música e actividades para todas as idades.

“O San Xoán forma parte do que somos como pobo. Son unhas festas que todos levamos dentro, ligadas ás nosas lembranzas, ás nosas familias e aos momentos compartidos coa veciñanza. Por iso traballamos cada ano para ofrecer unha programación que estea á altura do que representa esta celebración e que siga espertando orgullo entre os veciños e veciñas de Poio, porque o San Xoán é unha parte fundamental da nosa identidade como pobo”, sinalou o alcalde.

Moldes destacou tamén que “queremos que a veciñanza se sinta identificada cunhas festas que combinan o mellor da nosa tradición cunha programación atractiva e de calidade. É unha celebración que nos une, que reforza o sentimento de pertenza ao noso concello e que nos permite amosar con orgullo todo o que somos”.

A programación arrancará o luns 22 de xuño a partir das 21.00 horas coa lectura do pregón a cargo de Juan Mariño, director da Escola de Música de Campelo-Poio, unha figura estreitamente vinculada á vida cultural do municipio e ao mantemento das tradicións locais. A xornada inaugural incluirá tamén a entrega dos Premios ao Deporte San Xoán-Pepe Otero, a actuación de Máis Cantos e rematará coa tradicional verbena do Campillo, protagonizada polo grupo local Azabache.

A música volverá ser unha das grandes protagonistas das festas cun cartel de primeiro nivel no que figuran algunhas das formacións máis recoñecidas do panorama festivo galego e estatal.

No escenario da Seca actuarán Os Satélites (martes 23), Ritmo Xove e Charleston (mércores 24), Marbella e Panorama (xoves 25) e Capitol e Kubo (venres 26), ofrecendo propostas musicais variadas e espectáculos pensados para públicos de todas as idades e consolidando o San Xoán de Poio como unha das grandes citas festivas do inicio do verán en Galicia.

Con todo, un dos momentos centrais da programación chegará o martes 23 de xuño coa tradicional sardiñada e a gran fogueira de San Xoán, unha das citas máis agardadas tanto pola veciñanza como polas persoas visitantes.

Nesta edición, o Concello reforzará a celebración da noite de San Xoán ampliando o número de sardiñas repartidas e incorporando como novidade o espectáculo de lume “Fogo Fatuo”, da compañía Asacocirco, antes do tradicional prendido da fogueira na Seca. Unha proposta que contribuirá a realzar o carácter simbólico e festivo dunha noite marcada pola tradición.

A programación reserva tamén un espazo destacado para as tradicións e para as agrupacións locais. Entre as actividades previstas figura a tradicional recollida de herbas de San Xoán coas pandereteiras do Ronsel, ademais das actuacións de Vides Novas, Máis Cantos, a Escola de Música Tradicional de Poio, a Coral de Poio, o Coro Virxe da Renda, a Escola de Música de Poio e a Escola de Acordeóns de Campelo.

A maiores, durante todo o mes de xuño a artista local Sara Ramos expón no Casal de Ferreirós a mostra “Mitoxénese”, un percorrido polas súas ilustracións desde o ano 2023 ata a actualidade.

O Goberno municipal agradeceu a implicación de todas as asociacións e agrupacións que colaboran nas festas, contribuíndo a manter viva a cultura popular.

As festas rematarán o venres 27 de xuño cunha gran festa infantil con escuma e animación musical, unha proposta que, segundo destacou o alcalde, xa se converteu nun clásico da programación e que permitirá aos máis pequenos ser os protagonistas do peche das celebracións.

O Concello anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nunha programación pensada para compartir, convivir e celebrar unha das tradicións máis arraigadas de Poio, convertendo unha vez máis o San Xoán nun punto de encontro para todas as xeracións.

Está pasando!