A actriz Uxia Blanco, na película de Chano Piñeiro ‘Sempre Xonxa’ | Cedida

Un ciclo dedicado a Chano Piñeiro iniciará oficialmente a actividade do Cineclub Marín

20 Maio 2026

A actriz Uxía Blanco e o crítico Severiano Casalderrey participarán nas xornadas organizadas os días 21 e 22 de maio na Biblioteca Pública de Marín


O Cineclub Marín iniciará oficialmente a súa actividade pública coa celebración das Xornadas arredor da figura de Chano Piñeiro, un ciclo especial de cinema e coloquio que terá lugar os días 21 e 22 de maio no salón de actos da Biblioteca Pública de Marín.

O evento constitúe a primeira actividade organizada polo novo cineclub impulsado pola Asociación Marín de Cine, entidade adicada á divulgación do cinema e ao audiovisual na Vila.

As xornadas estarán centradas na figura do cineasta Chano Piñeiro, pioneiro do cinema galego contemporáneo e autor de obras fundamentais para a historia do audiovisual realizado en lingua galega. O obxectivo da iniciativa é achegar ao público a importancia cultural e patrimonial da súa filmografía a través da proxección de ‘Mamasunción’ e ‘Sempre Xonxa’, seguidos dun coloquio abertos á participación.

Un dos grandes atractivos do ciclo será a presenza da actriz Uxía Blanco, protagonista de ‘Sempre Xonxa’, quen regresará a Marín poucos días despois de terse anunciado a súa participación como integrante do xurado oficial do MAC MARÍN 2026.

A actriz participará na sesión do venres 22 de maio compartindo co público lembranzas da rodaxe e unha reflexión arredor do legado artístico e humano de Chano Piñeiro.

A xornada contará tamén coa participación do Severiano Casalderrey, crítico cinematográfico e membro da Academia Galega do Audiovisual que igualmente formará parte do xurado da próxima edición do MAC MARÍN. A súa presenza permitirá contextualizar historicamente a relevancia da obra de Piñeiro dentro da evolución do cinema galego contemporáneo.

O ciclo abrirase o mércores 21 de maio ás 20:00 horas coa proxección de ‘Mamasunción’ (1984), unha das curtametraxes máis emblemáticas do audiovisual galego dos anos oitenta. Ás 20:30 horas desenvolverase unha charla-coloquio centrada na análise histórica, narrativa e social do filme, conducida por integrantes do colectivo Marín de Cine, asociación organizadora do cineclub, entre eles o docente e comunicador audiovisual Dani Antelo, encargado de contextualizar a obra e moderar a participación do público.

O venres 22 de maio ás 20:00 horas será a quenda de ‘Sempre Xonxa’ (1989), considerada unha das películas fundamentais da historia do cinema galego. A partir das 21:30 horas terá lugar o encontro-coloquio con Uxía Blanco e Severiano Casalderrey, nunha conversa arredor da pegada de Chano Piñeiro no audiovisual galego actual e da necesidade de continuar difundindo o seu legado entre novas xeracións de espectadores e creadoras.

Desde o Cineclub Marín destacan o carácter divulgativo e participativo destas xornadas, concebidas como “un espazo aberto para descubrir, analizar e compartir a memoria audiovisual galega desde unha perspectiva próxima e accesible para todo tipo de público”.

A entrada ás actividades será gratuíta ata completar aforo.

Está pasando!