A Asociación Cultural Soalleira de Dorrón celebrará este sábado a XIV Xornada Cultural Folclórica

2 Outubro 2024

A cita coa que colabora o Concello celebrarase no Hotel Carlos I porque o salón de actos do Auditorio está en obras Sanxenxo


A Asociación Cultural Soalleira de Dorrón celebra este sábado, 5 de outubro, a XIV Xornada Cultural Folclórica a partir das 18:00 horas no salón Silgar do Hotel Carlos I de Sanxenxo. A cita coa que colabora o Concello de Sanxenxo recupérase tras varios anos sen celebrarse coincidindo coa visita do grupo folclórico de Ibiza, Colla Sa Adega, co que Soalleira realizou un intercambio o ano pasado. Como convidada especial acudirá a Asociación Rosalía de Castro de Cacheiras.

Se o tempo o permte, a idea é que os tres colectivos realicen un pasarrúas desde a Praza dos Barcos ata o Hotel Carlos I onde se celebrará unha actuación aberta ao público cunha duración de aproximadamente hora e media. A reforma integral do Pazo Emilia Pardo Bazán impide que nesta ocasión se celebre na instalación municipal.

Durante a mañá do sábado, integrantes de Soalleira acompañarán aos 17 integrantes do colectivo de Ibiza a unha excursión por distintas paraxes do municipio como A Lanzada, Pazo de Quintáns… Tamén está prevista unha recepción ao grupo Colla Sa Adega por parte do alcalde, Telmo Martín, así como intercambio de agasallos de recordo da súa estancia en Sanxenxo.


Está pasando!