Presentación de “Somos Música” | Concello de Pontevedra

A Gran Final das Series Mundiais de Triatlón trae consigo unha ampla e diversa programación festiva aberta a todos os públicos

16 Xuño 2026

  • Pontevedra contará coas actuacións de Ortiga, De Ninghures, Panorama City, Zeltia Irevire, Helena Egea, Purple ou Moi; entre outras
  • Os concertos, que se distribuirán por distintos puntos da cidade, comezarán días antes do evento, o 18 de setembro, e seguirán até a súa derradeira xornada de competición

“Encargamos esta programación con dúas condicións: que fosen grupos emerxentes e de estilos variados, e que proxectasen a nosa identidade ao ámbito internacional”. Así se presentou “Somos Música”, o combinado de espectáculos paralelos ás probas deportivas de triatlon que comezarán días antes do evento —o 18 de setembro— e rematarán coa gran traca final de Panorama City no recinto feiral de Pontevedra para despedir a Gran Final.

Foron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anabel Gulías os encargados de presentar esta programación formada por 14 momentos musicais con Zeltia Irevire, Moi, Uxía Lambona, Hermanos Visi, Helena Egea, Purple, varias sesións de dj, Pablo Méndez, Ortiga, Galician Army e De Ninghures. Concertos en distintos formatos e lugares para ambientar musicalmente a cidade desde que comezan a chegar deportistas, uns días antes do inicio do campionato.

Presentación de “Somos Música” | Concello de Pontevedra

A presentación coincide cos 100 días que faltan para o inicio da cita, para o que se instalou na Ferraría un monolito de 3 metros de alto coa bandeira de World Triatlon e algunha información sobre o campionato, como as dez sedes das series deste mundial que remata en Pontevedra.

O alcalde e presidente do comité organizador da Gran Final mostrou o seu orgullo polo posicionamento da cidade neste tipo de eventos e resaltou a gran visibilidade internacional que se acada: “É unha programación cultural e festiva ampla, variada e moi contemporánea, chea de nomes emerxentes de gran calidade no panorama musical galego de hoxe en día”.

“Os eventos de tríatlon non son un kit de producións que chega a Pontevedra con todo listo. Son producións locais nos que se implican máis de 20 empresas locais ou galegas que forman un ecosistema económico creativo darrredor do evento, con mención especial á empresa Jack-Jack que é a que coordina toda esta produción”, dixo Gulías facendo referencia á economía de proximidade que se crea ao redor do evento.

Está pasando!