‘Miami 1990 Tour’ | Café Quijano

Café Quijano ofrecerá un concerto gratuíto na Festa do Mar de Combarro

14 Xullo 2026

É a primeira confirmación dunha programación que volverá apostar pola música, a gastronomía e a identidade mariñeira de Poio


O Concello de Poio anuncia o primeiro gran nome da programación da Festa do Mar 2026. O grupo Café Quijano ofrecerá un concerto gratuíto o sábado 22 de agosto, ás 23.30 horas, na Praza da Chousa de Combarro, dentro dunha celebración que terá lugar entre os días 20 e 23 de agosto.

A actuación de Café Quijano será un dos grandes atractivos dunha nova edición da Festa do Mar, unha cita xa consolidada no calendario festivo e cultural de Poio que cada verán reúne en Combarro a milleiros de persoas arredor da música, da gastronomía mariñeira e das tradicións vinculadas ao mar.

Café Quijano é unha das formacións máis recoñecidas da música española, cunha traxectoria de máis de dúas décadas e un repertorio no que conviven grandes éxitos como ‘La Lola’ ou ‘Nada de ná’ cos temas dos seus traballos máis recentes. O seu concerto será un dos pratos fortes desta edición da Festa do Mar e permitirá disfrutar dun espectáculo de primeiro nivel nun enclave único e con acceso completamente gratuíto.

O concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, destaca que “esta primeira confirmación é unha invitación para que a xente vaia marcando no calendario a fin de semana do 20 ao 23 de agosto. Estamos preparando unha edición moi especial e Café Quijano é só o primeiro adianto dunha programación pensada para todos os públicos”.

Café Quijano chega a Poio nun dos mellores momentos da súa traxectoria recente. A banda atópase inmersa na xira ‘Miami 1990 Tour’, coa que está percorrendo máis de 25 cidades españolas e na que varias das súas actuacións colgaron xa o cartel de entradas esgotadas, en cidades como Pontevedra, Gijón ou Valladolid, confirmando a excelente acollida do público.

O Concello de Poio irá dando a coñecer nas próximas semanas o resto das propostas da Festa do Mar 2026, que volverá converter Combarro nun dos grandes referentes do verán, cunha programación moi potente deseñada para poñer en valor o legado cultural vencellado ao mar e visibilizar o papel estratéxico do sector marítimo no desenvolvemento económico e social do municipio.

Está pasando!