Mosteiro de San Salvador Lérez | © Turismo Rías Baixas

A romaría de San Bieito regresa un ano máis a Lérez entre gastronomía e música popular ás beiras do río

10 Xullo 2026

Nun pequeno montículo, á beira do río Lérez, sitúase o Mosteiro de San Salvador de Lérez, cunha capela dedicada a San Bieito, o santo milagreiro ao que se lle atribúe a curación de enfermidades da pel, sobre todo verrugas e pústulas.

Ata aquí desprázanse os romeiros para asistir a algunha das continuas misas que se celebran desde a mañá, achegarse á pota de cobre onde se queima o aceite milagreiro para adquirilo ou untarllo aí mesmo, e cumprir co rito de pasar por debaixo do altar do santo para obter as súas bendicións.

Entregan como ofrenda ao santo todo tipo de alimentos, que pola tarde se venden na tradicional poxa no adro da igrexa, e revalidan a fe no que, segundo o canto popular, é o santo máis milagreiro: “Se vas a San Benitiño / non vaias ao de Paredes / que hai outro máis milagreiro / San Benitiño de Lérez”.

Tras a procesión polos arredores da igrexa, na outra beira do río, nun espazo fluvial de grande interese natural chamado Os Salóns do Lérez, os romeiros inauguran a tempada de festas do verán de Pontevedra, e dan conta da mexilloada popular que ofrece o Concello de Pontevedra.

Esta celebración conta desde 1998 coa declaración de Interese Turístico de Galicia.

A xornada combinará actos relixiosos, procesión, música tradicional, mexilloada popular e verbena no Adro do Mosteiro.

07:00, 08:00, 09:00, 10:00, 11:00 e 12:00 h. Misas rezadas.

10:30 h. Saída dos grupos de música tradicional desde a casa do Concello ata os salóns do Lérez.

11:30 h. Romaría popular na plaia fluvial do Lérez.

11:45 h. Actuación dos gaiteiros de Duos Pontes.

12:00 h. Pasarrúas en Lérez con Gaiteiros das Rías Baixas e Os de Algures.

12:00 h. Mexilloada popular na praia fluvial do Lérez.

13:00 h. Misa Maior e procesión polo exterior do Mosteiro.

13:30 h. Actuación do grupo de Pandereteiras Pola Vila, nas beiras do río Lérez.

17:00, 18:00, 19:00, 20:00, 21:00 e 22:00 h. Misas rezadas.

22:00 h. Verbena coa orquestra Sinfonía no adro do Mosteiro.

Está pasando!