Presentación da programación estival da BMP | Concello de Pontevedra

A Banda de Música de Pontevedra sacará a música á rúa durante a época estival

11 Xuño 2026

O edil de Festas do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez, e o director da Banda de Música de Pontevedra, Rafael Agulló, presentaron esta mañá o novo programa de actuacións que a agrupación musical ofrecerá ao longo deste verán nas rúas da cidade.

Gómez cualificou a programación como un “auténtico luxo”, destacando que se trata dunha proposta “moi variada e aberta a todos os públicos”. O concelleiro de Festas quixo convidar a todas as veciñas e veciños a saír á rúa para escoitar e participar destas actuacións. No acto tamén estivo presente Víctor López, presidente da Banda.

Pola súa banda, Agulló explicou que esta nova serie de actuacións, bautizada como ‘Sons na rúa’, dá continuidade ao ciclo anual ‘Viento en popa a toda vela’, tomando a testemuña do ‘ciclo de butaca’ que se desenvolveu durante os meses anteriores no Teatro Principal e no Pazo da Cultura. A fía condutora desta programación estival será a de viaxar e atoparse con diferentes culturas a través da música.

O cartel do ciclo ‘Sons na rúa’ estará composto polas seguintes grandes citas:

  • ‘Estampas Ibéricas’. Sábado 13 de xuño. 20:30 h. Alameda de Pontevedra. Un percorrido musical polas diversas culturas da Península Ibérica. O repertorio incluirá ‘Bens Cataláns’, música vasca e flamenca, a obra ‘Canso de tradición’ do portugués Luis Cardoso e a peza ‘Fantasía’ do compositor estradense Simón Couteiro, baseada en tres temas populares galegos.
  • ‘De escala en América’. Venres 31 de xullo. 20:00 h. Alameda de Pontevedra. Un concerto que suporá unha viaxe sonora de norte a sur do continente americano. Esta cita servirá ademais como marco para a presentación oficial de Daniel Penas como novo director asistente da agrupación.
  • Festas do Santiaguiño ‘Voces eternas’. Mércores 22 de xullo. 20:30 h. Santiaguiño do Burgo. Como xa é habitual, a Banda terá o seu espazo nestas festas cun concerto homenaxe ás grandes voces da historia da música, con especial protagonismo para figuras como Aretha Franklin ou Frank Sinatra.
  • Concerto das Peregrinas ‘Bravú bandístico’. Mércores 12 de agosto. 21:00 h. Praza da Ferraría. O colofón do verán será a estrea dun espectáculo musical totalmente inédito. Aínda que non se desvelaron polo miúdo os detalles da produción, o director explicou que este concerto será unha rechamante mestura entre o coñecido movemento musical galego e a música de banda. O director asegurou que o resultado destes dous ingredientes macerados será “súper interesante” e “non deixará indiferente a ninguén”.
Está pasando!