A Banda de Música de Vilagarcía bótase á rúa en xullo con concertos en distintos espazos da cidade

4 Xullo 2022

  • A música volverá a soar nas rúas da cidade durante o mes de xullo cos concertos que ofrecerá a Banda de Música de Vilagarcía a través do programa ‘A Banda na Rúa’, incluído no convenio de colaboración financiado polo Concello
  • Grazas a este ciclo, a agrupación de Vilagarcía actuará en diferentes puntos da cidade co obxectivo de achegarse á veciñanza e de chegar a un maior número de público
  • Ravella, O Piñeiriño, Vilaxoán e Carril serán os escenarios nos que recalará a formación dirixida por Jesús Nogueira durante as vindeiras semanas, facendo gozar aos vilagarciáns das interpretacións da respectada e querida Banda

O ciclo comezará o vindeiro domingo, 3 de xullo, cun concerto matutino no Piñeiriño ás 12.30 horas. O venres 15, a música da renovada formación vilagarciá volverá a soar nun dos escenarios habituais nos últimos tempos: os Xardíns de Ravella, neste caso, a partir das 21.00 horas. Ao día seguinte e coincidindo coa celebración do Día do Carme, o sábado 16 de xullo, a Banda adquirirá todo o protagonismo na Praza Rafael Pazos de Vilaxoán a partir das 21.00 horas. E tamén coincidindo coas festas do Apóstolo en Carril, o ciclo de “A Banda na Rúa” pecharase este ano o luns, 25 de xullo, co concerto das 13.00 horas na Praza da Liberdade.

O programa ‘A Banda na Rúa’ enmárcase nas actuacións incluídas no convenio de colaboración asinado entre a formación musical e o Concello de Vilagarcía co obxectivo de garantir que a música da formación máis senlleira e popular de Vilagarcía chegue a todas as parroquias e a todos os lugares do municipio e de que toda a veciñanza poida ter a satisfacción e a oportunidade de gozar da súa múisca. Ademais deste ciclo, o convenio financia tamén a presenza da Banda de Música nas festas das parroquias e outras actuacións estelares como nas festas de San Roque ou Santa Rita, por poñer algúns exemplos.


Está pasando!