A Casa Azul de Pontevedra acollerá a 5ª edición da HobbyPont Global Game Jam entre o 24 e o 26 de xaneiro

22 Xaneiro 2025

  • O evento de creación de videoxogos que ten lugar de maneira simultánea en diferentes partes do mundo, converterá a cidade en epicentro da creatividade.
  • De balde e destinado a persoas maiores de idade, a convocatoria xa está aberta no sitio web http://hobbypont.com

A Casa Azul de Pontevedra acollerá entre o 24 e o 26 de xaneiro de 2025, a 5ª edición da HobbyPont Global Game Jam, un evento gratuíto que reunirá a entusiastas e profesionais de toda Galicia para crear videoxogos en só unha fin de semana.

Desenvolvedores, ilustradores, guionistas, músicos e outros creativos e creativas, terán a oportunidade de unirse ao movemento global da Global Game Jam, no que participan miles de persoas de maneira simultánea desde todas partes do mundo.

A cita comezará o venres 24 de xaneiro ás 15:00 horas, cando se revelará o tema desta edición. Desde ese momento, as persoas participantes dispoñerán de 48 horas para traballar en equipo e converter as súas ideas en videoxogos completos. O evento concluirá o domingo 26 ás 17:00 horas, coa presentación das obras creadas.



Segundo Evelio Sánchez, membro da organización do evento, “cremos que no ámbito do videoxogo hai moito futuro, tanto no eido do lecer como en posibles alternativas laborais”. Esta iniciativa procura fomentar a creatividade, o traballo colaborativo e a innovación, destacando o potencial do sector dos videoxogos como motor económico e cultural.

A convocatoria é completamente gratuíta e está aberta a persoas maiores de idade con calquera nivel de experiencia e gana de participar en 48h de creación. Poden atopar máis información ou rexistrarse para participar no sitio web oficial http://hobbypont.com

A HobbyPont Global Game Jam celebra a súa quinta edición consolidándose como un espazo inclusivo onde mocidade e persoas non tan novas, con ou sen experiencia, poden participar na creación de videoxogos. Ademais, o evento promove a colaboración entre disciplinas tan diversas como a programación, o deseño gráfico, a música e a narrativa.

Está pasando!