A casete será a protagonista das actividades divulgativas do Sinsal SON Estrella Galicia 2023

28 Xuño 2023

  • O proxecto divulgativo A Escola Sinsal reivindicará o papel deste soporte sonoro a través dunha exhibición, nomeada ‘Do cinema familiar ás casetes domésticas’
  • A artista Sarah Rasines, responsable da primeira investigación centrada na historia da casete en España, impartirá un obradoiro de creación de sons e dunha caixa-libro, con materiais reutilizados de Sinsalaudio, que o público poderá levar de recordo

O proxecto divulgativo A Escola Sinsal, impulsado polo festival Sinsal SON Estrella Galicia, presenta as novas actividades paralelas gratuítas que se desenvolverán no marco do evento, que se celebrará do 21 ao 23 de xullo na illa de San Simón e para o que xa non quedan entradas dispoñibles. Neste 2023, A Escola Sinsal porá o foco na casete como o principal soporte sonoro do século XX a través de dúas iniciativas nas que terá o papel protagonista: unha exposición, nomeada ‘Do cinema familiar ás casetes domésticas’, e un obradoiro impartido por Sarah Rasines, artista responsable da primeira investigación centrada na historia da casete en España, e na que o público, tamén o máis novo, poderá levar, como recordo do festival, a súa Caixa-libro da Escola Sinsal.

A Escola Sinsal é o proxecto de Sinsal dedicado á divulgación do rexistro sonoro e da tecnoloxía do século XX, e que parte da colección propia de obxectos de Sinsalaudio. Se ben durante a edición de 2022 o festival centrou a súa actividade no suco do vinilo e a súa evolución ao longo dos anos; nesta ocasión reivindicarase o papel da cinta magnética.

A casete, inventada por Lou Ottens no ano 1963, é o soporte sonoro máis difundido e importante da historia do século XX. Aínda que en España a cultura da casete estivo moi presente fundamentalmente na época dos 80, actualmente o seu formato físico atópase en auxe pola súa sostibilidade, baixo custo e pola capacidade de control que se pode manter sobre a edición, produción e distribución. A exposición ‘Do cinema familiar ás casetes domésticas’, apta para todos os públicos e que se poderá visitar todos os días durante a celebración do festival na cafetería de San Simón, inclúe numerosos obxectos, como reprodutores de xoguete, casetes en formatos singulares, gravadoras, partituras, diapositivas e un achegamento a proxectos de diferentes partes do mundo que están a recuperar e protexer estes arquivos.

A exposición d’A Escola Sinsal completarase cun obradoiro impartido pola artista sonora, xestora cultural e investigadora Sarah Rasines, quen ademais achega parte da súa colección persoal á mostra. A creadora, quen presentará en breve a primeira tese doutoral dedicada á historia e importancia da casete en España, coordinará un taller ideado para parellas (compañeiras, fillas, amigas, etc.), que nace da práctica de Fluxus para nenas e nenos, no que o público aprenderá a xerar sons con casetes e outros soportes, así como crear a súa propia Caixa-libro Escola Sinsal, feita con obxectos reutilizados e exclusivos de Sinsalaudio (como postais, flyers e outros materiais), e que se poderán levar como recordo do Sinsal SON Estrella Galicia.

O obradoiro, gratuíto e apto para todos os públicos -as e os menores deberán estar acompañadas dun familiar ou titor legal maior de idade-, impartirase todos os días na propia exposición d’A Escola Sinsal. Durante unha hora, Rasines revisará a historia da casete, desde o seu papel na creación e difusión da música popular até o seu impacto cultural e social en todo o mundo; descubrirá os seus secretos sonoros e amosará ás asistentes a facer un loop con cinta de casete e xerar sons que transformarán a Caixa-libro Escola Sinsal nun instrumento musical.

Para poder participar neste obradoiro, as persoas interesadas poden enviar desde hoxe un correo electrónico a sarahrasiness@gmail.com sinalando, no asunto, Taller de casetes Escola Sinsal, indicando os nomes e apelidos das dúas persoas participantes e un teléfono de contacto. Ademais, deberán escoller o día ao que queren asistir: venres 21 (de 18:30 a 19:30 horas), sábado 22 (16:00 a 17:15 horas), ou domingo 23 (16:00 a 17:15 horas). As prazas son limitadas e en cada sesión haberá un máximo de 8 parellas.

Está pasando!