© O Marisquiño

A cidade de Vigo prepárase para acoller unha nova edición do Marisquiño, o maior evento de Cultura Urbana e Deportes de Acción do sur de Europa 

9 Agosto 2022

Deportes de acción como o Skate, Dirt Jump, BMX ou o MTB Downtown combínanse nesta edición con outras disciplinas da cultura urbana como o Break-Dance ou o grafiti e coa música que volve estar presente no evento tras a paréntese de tres anos pola pandemia.

O festival O Marisquiño celebrarase do 11 ao 14 de agosto, con entrada libre e gratuíta a todos os seus eventos.

Unha das grandes novidades desta edición é a extensión do evento a outros espazos da cidade, o que permitiu tamén ampliar a capacidade das bancadas para ver as distintas disciplinas. O Skate cambia a súa localización a Samil (onde xa estivo nos seus inicios) e o Basket 3×3 celebrarase na cuberta do Centro Comercial Vialia. Ademais, ampliouse o percorrido do Descenso Urbano que partirá do Castro e rematará no peirao do Berbés.

Despois de tres anos de ausencia, a música volve O Marisquiño e faio xa desde o xoves 11 cun concerto de benvida en Castrelos a cargo de Hijos da Ruína e Wöyza. Durante as tres xornadas centrais do festival haberá dous escenarios, un no Peirao de Transatlánticos con concertos e outro en Samil para sesións de DJ´s diúrnas. Ademais, na tarde do domingo celebrarase unha Batalla de Galos na zona da Andrómena. Entre os artistas musicais que estarán presentes nesta edición de O Marisquiño atópanse Boyanka Kostova, Eternal Entropy, Bflecha ou Mwëslee. A pluralidade de estilos urbanos e a aposta polo talento local e galego marcan a programación musical de O Marisquiño nesta ocasión.

O festival

Desde 2001 ata os nosos días, O Marisquiño converteuse no maior evento de Cultura Urbana e Deportes de Acción do sur de Europa con catro disciplinas olímpicas entre as súas actividades: Skate (WCS), BMX, Breaking e Basket 3×3 (FIBA), ademais Dirt Jump (FMB Gold Event), onde se reúnen os mellores riders nacionais e internacionais.

Un gran festival gratuíto, ao aire libre, en pleno mes de agosto, fronte ao mar e que reúne durante tres días máis de dez competicións deportivas, así como distintos eventos culturais.

Neste ano 2022 volve toda a acción a Vigo e o festival contará coas disciplinas de Skate, BMX, Flatland, Basket 3×3, MTB, Dirt Jump e Break Dance, ademais da música en directo, grafiti, etc; e á espera de confirmar máis actividades.

O festival celébrase a segunda fin de semana do mes de agosto e en cada edición, máis de 160.000 persoas gozan das competicións, exhibicións, concertos, gastronomía e o ambiente único que se xera ao redor o Porto Marítimo da cidade de Vigo. En 2022, ademais, O Marisquiño expándese pola cidade e repartirá algunhas probas por zonas como Samil (Skate) ou Vialia (Basket 3×3).

Por último e non menos importante, cabe destacar que nos últimos anos, O Marisquiño chega en directo a máis de medio centenar de países a través da retransmisión en directo en streaming na internet.

Localización

O Marisquiño ten o seu centro neurálxico na fronte marítima de Vigo, estendéndose por todo o porto e moi próximo ao barrio histórico da cidade, convertendo este espazo nun aceno de identidade do festival.

Nunha superficie de 150.000 metros cadrados celébranse as grandes probas do festival, xunto ao mar: no Paseo das Avenidas, o Peirao de Transatlánticos, o Náutico e o Espigón, despregando ao longo desa privilexiada zona de contacto entre a Ría de Vigo e a cidade os espazos das diferentes disciplinas deportivas e culturais para formar un conxunto único e espectacular. Pero tamén Vialia, punto principal de chegada de mozas a Vigo e centro comercial; e a praia de Samil, con vistas ás Cíes e un dos elementos icónicos da cidade, terán acción este ano.

Está pasando!